Pasar al contenido principal

A USC coordinará unha rede europea de universidades e empresas para a innovación no tratamento de augas residuais

Foto de grupo dos asistentes á primeira reunión executiva da acción COST Water 2020 que tivo lugar en Bruxelas
Foto de grupo dos asistentes á primeira reunión executiva da acción COST Water 2020 que tivo lugar en Bruxelas
É a primeira vez que unha Universidade galega lidera unha acción COST

A Universidade de Santiago será a responsable de coordinar unha rede europea de universidades e empresas para a innovación no tratamento de augas residuais. O catedrático de Enxeñaría Química da USC Juan Lema Rodicio é o investigador principal da acción COST ‘Conceiving Waste Water Treatment in 2020’ (Water 2020) que coordinará as actividades de innovación de 36 Universidades e 17 compañías de 20 países europeos, cun orzamento superior ós 68 millóns de euros. A primeira reunión executiva tivo lugar este xoves en Bruxelas. O seu obxectivo é desenvolver e analizar novas tecnoloxías máis eficientes para o tratamento das augas residuais que permitan obter unha auga de maior calidade, apta para reuso, minimizar a produción de lodos e reducir o consumo enerxético e o impacto ambiental. Esta é a primeira vez que unha Universidade galega lidera unha acción COST (Cooperación Europea no ámbito da Investigación Científica e Técnica),rede de cooperación entre como mínimo cinco grupos de investigación emprazados en diferentes países organizada en torno a un mesmo obxectivo científico. Na presente convocatoria só foron aprobados 3 dos 80 proxectos presentados no programa de ‘Medio ambiente’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2012.