Pasar al contenido principal

Unhas xornadas na Casa do Saber de Lugo analizan a situación e as potencialidades das murallas urbanas do noroeste peninsular

O encontro, no que participan expertos españois e portugueses, desenvólvese entre os días 28 e 30 e está enmarcado nas actividades do proxecto europeo Muralla Dixital

Entre os días 28 e 30 de novembro desenvólvense en Lugo as xornadas ‘Cidades / Vilas amurallas do noroeste peninsular’, que se encadran dentro do proxecto europeo Muralla Dixital, do que forma parte a USC xunto co Concello de Lugo e outros municipios do norte de Portugal (Valença do Minho, Monção e Melgaço), ademais da agrupación de empresas galegas de novas tecnoloxías INEO e o Centro de Computação Gráfica de Coimbra. Estas xornadas, enmarcadas tamén nas celebracións do décimo segundo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, teñen como finalidade “sensibilizar á cidadanía da necesidade de preservar e difundir o patrimonio amurallado existente en numerosas cidades da península ibérica, como fiel reflexo da súa formación e evolución urbanística ao longo da Historia, e como importante recurso cultural e turístico”, segundo os seus organizadores. No encontro participan especialistas universitarios e xestores públicos de diversas vilas e cidades amuralladas tanto de España como de Portugal, que falarán sobre as súas experiencias, problemas e especificidades na xestión e posibilidades e retos deste tipo de elementos arquitectónicos. Muralla Dixital é un proxecto europeo integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e que ten como obxectivo principal a creación dunha rede entre as cidades e vilas amuralladas do noroeste peninsular para a xestión conxunta e a valorización do seu patrimonio arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e a comunicación. Programa das xornadas O encontro iníciase o mércores 28 na Casa do Saber co relatorio ‘ Cidades amuralladas: o sistema defensivo romano fronte aos bárbaros do noroeste peninsular’, a cargo do catedrático da USC Antonio Rodríguez Colmenero. O acto oficial de inauguración terá lugar o propio mércores ás 11.45 horas, tamén na Casa do Saber, e contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez López; o secretario da Subdelegación do Goberno en Lugo, Constantino Rodríguez Ramos; e a concelleira de Emprendemento do Concello de Lugo, Sonia Méndez García. Con posterioridade ao acto de inauguración está previsto que os asistentes realicen unha visita á Muralla de Lugo e ao seu centro de interpretación. A sesión de tarde do mércores 28 inclúe tres relatorios sobre as murallas de Lugo, Braga e León, a cargo dos arqueólogos municipais destas tres cidades. O xoves 29 continúan os relatorios na Casa do Saber coas intervencións dos arqueólogos municipais das cidades de Ávila e Pontevedra. A xornada de mañá péchase cunha visita a varios centros museísticos da capital lucense. Pola tarde será a quenda dos responsables do departamento de arqueoloxía de Santiago de Compostela e Melgaço, logo de cuxas intervencións continuarán as visitas aos diferentes espazos arqueolóxicos da cidade de Lugo. O sábado 30 a actividade desprázase ao Museo Interactivo de Historia de Lugo, recentemente inaugurado, no que se desenvolverán senllos relatorios sobre a evolución urbanística da vila portuguesa de Monção, a fortaleza de Valença do Minho e o Plan Director das Murallas da Coruña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2012.