As IV Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’ analizarán a implantación do decreto de plurilingüismo nos centros de ensino non universitario
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística organizan as IV Xornadas "Educación e Linguas en Galicia. A lingua galega e o plurilingüismo". Desenvolveranse os días 19 e 20 de outubro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur), co obxectivo principal de analizar a implantación do decreto de plurilingüismo nos centros de ensino non universitarios. O programa das xornadas busca contextualizar o plurilingüismo na sociedade galega actual e nun mundo globalizado, así como explicar o seu significado dentro do Marco Común Europeo de referencia para as linguas, analizar o desenvolvemento dunha lingua minorizada no contexto dunha sociedade plurilingüe e visibilizar as diferentes manifestacións do plurilingüismo en diferentes escenarios educativos e profesionais da sociedade actual. Entre os seus obxectivos, estas xornadas tamén reflexionarán sobre o significado do plurilingüísmo nos diferentes escenarios educativos e profesionais e analizarán os resultados en competencias e actitudes do decreto. En conxunto, esta é unha iniciativa que busca contribuír ao proceso de normalización lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, fornecendo argumentos para a mellora das actitudes e dos usos lingüísticos do seu alumnado e profesorado. O destinatario principal destas xornadas son o alumnado e o PDI das titulacións impartidas no centro compostelán así como da USC en xeral e profesorado do sistema educativo galego non universitario. As persoas interesadas en ampliar información poden visitar a web do Servizo de Normalización Lingüística.