O congreso internacional de lingüística ArValKon2012 comeza este mércores en Filoloxía
O grupo de investigación Humboldt do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC e o Departamento de Lexicoloxía do Institut für Deutsche Sprache (IDS-Centro Superior de Investigación da Lingua Alemá) de Mannheim (Alemaña) organizan dende este mércores 26 e ata o próximo venres 28 o congreso internacional de lingüística ArValKon2012. Neste días, a Facultade de Filoloxía da USC será punto de encontro para investigadores procedentes de distintas universidades e centros de investigación, tanto da Península Ibérica como doutros países europeos. A inauguración oficial do congreso comezará ás 15.30 horas presidida polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, e coa intervención da profesora da USC Meike Meliss; do director do Departamento de Lexicología del IDS-Mannheim, Stefan Engelberg; do director do IDS (Institut für deutsche Sprache – Mannheim), Ludwig M. Eichinger; e da decana da Facultade de Ciencias da Información, María José López Couso. O congreso goza do apoio da DFG (entidade alemá para o apoio á investigación) co fin de promover precisamente o intercambio científico entre xermanistas de diversa procedencias e vinculados a distintas institucións, fomentando así, o xurdimento de futuros proxectos de investigación baseados nunha colaboración internacional. O encontro consta de 24 intervencións entre conferencias plenarias, relatorios e presentacións en formato póster) que pretenden suscitar o debate científico, especialmente arredor do futuro da teoría de valencias en contraposición ao enfoque propio da gramática de construcións. O encontro permitirá a discusión sobre a validez e vixencia dos modelos teóricos que pretenden describir tanto os aspectos comúns como os máis idiosincráticos das estruturas argumentais ademais de someter a avaliación os procedementos metodolóxicos e os fundamentos empíricos que as sosteñen. Do mesmo xeito, reflexionarase sobre a cuestión empírica e teórica na área do alemán como lingua estranxeira (DaF) e a metalexicográfica en relación aos dicionarios de valencias. Como apuntan os seus promotores, o obxectivo final é alcanzar “una reconciliación entre as distintas perspectivas lingüísticas (lingüística teórica, descritiva e aplicada) que conflúen tanto na teoría de valencias como na gramática de construcións”. Deste modo o congreso debe ofrecer un novo impulso para a investigación das relacións sintagmáticas no marco da lexicoloxía contrastiva, ademais de servir para fomentar a actividade científica dos novos investigadores. Este é o terceiro encontro que se celebra dentro dunha serie de seminarios de traballo e simposios internacionais que dende 2002 o Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC leva organizando conxuntamente co IDS de Mannheim por medio dunha cooperación bilateral. No desenvolvemento do encontro tamén se atopa vinculado o proxecto de investigación DICONALE (Dicionario conceptual de lexemas verbais do alemán e español) desenvolvido dende el 2010 no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC por un grupo de investigadores de carácter internacional e interdisciplinar e financiado pola Xunta de Galicia e o MINECO.