Pasar al contenido principal

Analizan na USC as novas orientacións en materia de dereito de sucesións en Europa

Baixo o título ‘Dereito de sucesións en Europa. Liberdade de disposición, pactos sucesorios e unificación conflitual’, a Facultade de Dereito reúne nunha xornada especialistas de España e do Instituto Británico de Dereito Internacional e Comparado (BIICL). Logo da inauguración ás 11.30 horas no Salón de Graos do centro, a xornada comezará coa análise das novas orientacións en materia de Dereito de sucesións, unha panorámica xeral do recentemente aprobado Regulamento europeo de 4 de xullo de 2012 así como a perspectiva práctica desde o punto de vista notarial. Participan o catedrático da Universidade de Lleida Antoni Vaquer, a investigadora do BIICL Eva Lein e a notaria de Compostela Inmaculada Espiñeira. Pola tarde abordarase a problemática dos pactos sucesorios e a liberdade de disposición testamentaria así como a unificación das regras de conflito en materia sucesoria, para o que se estudará un caso de sucesión hereditaria dun cidadán británico en España. Interveñen nesta sesión o catedrático da Universidade de Zaragoza Jesús Delgado, o catedrático da USC Santiago Álvarez, a investigadora Isabel Rodríguez-Uría e o profesor da Pompeu Fabra Albert Font. A sesión organízaa o Grupo de investigación De Conflictu Legum baixo a dirección de Santiago Álvarez e María Paz García Rubio, catedráticos de Dereito internacional privado e Dereito civil, respectivamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.11.2012.