Pasar al contenido principal

16 traballos aspiran a gañar no certame de comedia ‘Somos a curta!’

Humor e lingua galega son os ingredientes principais das 16 curtametraxes presentadas á segunda edición de ‘Somos a curta!’, certame organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación en colaboración coa Liga Estudantil Galega. Chegados de distintos puntos da xeografía galega, os filmes loitarán por dous premios de 400 e 200 euros, que adxudicará un xurado composto por membros da comunidade universitaria e profesionais do sector audiovisual galego. Das curtas a concurso elixiranse cinco finalistas que se proxectarán na gala ‘Somos a curta!’. Esta celebrarase o vindeiro 28 de novembro, ás 20.00 horas no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. O actor e monologuista Carlos Blanco será o encargado de presentar a gala, que nesta edición ten como novidade un premio especial do público, sen dotación económica, e que se decidirá na propia celebración do evento. Para poder participar, será preciso acudir provisto do DNI. Os títulos a concurso poden consultarse na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística da USC e no perfil de Facebook da Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación, que convida aos participantes e a toda a comunidade universitaria a gozar dunha hora e media de comedia e defensa do uso da lingua galega no audiovisual.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2012.