Homenaxean en Historia o profesor Justo Beramendi cun libro sobre os nacionalismos e a construción de identidades
O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Justo Beramendi González, foi este luns homenaxeado na Facultade de Xeografía e Historia coa presentación do libro De la idea a la identidad: estudios sobre nacionalismos y procesos de nacionalización. Acompañaron no acto o catedrático da USC numerosas amizades e colegas da Universidade, que escoitaron as intervencións do reitor Juan Casares; do decano da Facultade, Juan Monterroso; dos editores do volume, os profesores da USC Ramón López facal e Miguel Cabo Villaverde; e do director do Departamento de Historia Contemporánea e de América, Lourenzo Fernández. Na obra, editada en Comares Historia, colaboran membros do Departamento de Historia Contemporánea e de América ao que pertence o profesor Beramendi e outras persoas cunha intensa relación profesional e académica na súa traxectoria. De la idea a la identidad estrutúrase en tres seccións, dedicadas á análise dos nacionalismos, aos procesos de nacionalización mediante os cales as identidades nacionais son asumidas pola poboación e ao estudo da interacción dos nacionalismos con outras ideoloxías, recolléndose así tres tipos diferentes de aproximacións aos procesos de construción nacional. Beramendi Justo Beramendi iniciou os seus estudos universitarios de enxeñaría industrial en Madrid para logo marchar a Barcelona a estudar tradución, onde mantivo unha intensa actividade militante contra o franquismo. Chegou a Galicia na etapa final da ditadura, en 1974, para traballar no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia como xerente da Comisión de Cultura e secretario técnico. Paralelamente colaborou na fundación da revista Negaciones e foi promotor do Museo do Pobo Galego. Outras empresas culturais importantes na súa traxectoria poersoal e profesional foron as revistas A Trabe de Ouro (1990) ou Tempos Novos (1997) e as fundacións Castelao e Vicente Risco. Os coordinadores da obra sinalan que o seu traballo de historiador foi “decisivo” para achegar rigor ao coñecemento do galeguismo político, como se reflicte no seu manual La historia política: algunos conceptos básicos (Santiago, 1999). Beramendi investigou sobre a vida e obra dos protagonistas da formación e evolución da ideoloxía galeguista como Murguía (1982), Losada Diéguez (1985), Rosalía Castro (1986), Otero Pedrayo (1987), Castelao (1989, 1992), Ramón Villar Ponte (1991), Alfredo Brañas (1998) e Vicente Risco, este último que deu pé á súa obraDe provincia a nación, Historia do galeguismo político (Vigo, Xerais. 2007), merecedora do Premio Nacional de Ensaio en 2008.
Os mesmos autores destacan dous méritos dos estudos do profesor Beramendi sobre o galeguismo. “O primeiro é telo enfocado coas mesmas esixencias de rigor e imparcialidade que se requiren para a análise de calquera outro tema desde o punto de vista histórico”. A segunda achega é “ter conseguido situar o galeguismo no seu contexto español e europeo, introducíndoo no marco histórico no que se desenvolveu e nas correntes de pensamento coas que interactuou nas súas sucesivas etapas”. “Agora –sinalan- pode parecer obvio, pero hai trinta anos non o era tanto iniciar un estudo sobre Vicente Risco nunha edición de peto na que se ofrecía unha explicación dos diferentes conceptos de nación e a súa xénese nos principais países europeos”.