Pasar al contenido principal

Continúa aberto o prazo para presentar obras ao I Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero

Unha iniciativa da USC con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A USC conmemora este ano o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa convocatoria do I Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero. A esta iniciativa que desenvolverá a Oficina de Igualdade de Xénero poderá presentarse o alumnado das titulacións de 1º e 2º ciclo, grao, máster e doutoramento matriculado na USC no presente curso. Os textos estarán redactados en galego, terán carácter inédito, cunha extensión máxima de 1.000 palabras incluído o título e temática relacionada coa violencia contra as mulleres. A entrega de orixinais poderá realizarse ata o 15 de novembro e optarán a tres premios, o primeiro de 250 euros e dous accésit de 150, acompañados dun diploma acreditativo. Os traballos enviaranse por correo electrónico en formato PDF e como documento adxunto á Oficina de Igualdade de Xénero da USC (oix [at] usc.es (oix[at]usc[dot]es)), indicando no asunto da mensaxe ‘I Concurso de Relatos Curtos’. Deberase acompañar cumprimentado o formulario de participación segundo o modelo que figura na web. O proceso do concurso poderá seguirse a través da web da Oficina de Igualdade de Xénero (www.usc.es/oix) onde se publicarán a listaxe de participantes, composición do xurado, persoas que resulten gañadoras, así como a forma de entrega de premios. O xurado integrarano persoas con experiencia en temas relacionados coa violencia contra as mulleres e a igualdade entre mulleres e homes.

Tanto a convocatoria como a información adicional sobre esta iniciativa está dispoñible naweb da Oficina de Igualdade de Xénero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2012.