Pasar al contenido principal

Unha exposición en Fonseca lembra a Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade, no 200 aniversario do seu nacemento

De esquerda a dereita, Juan Gestal, Isabel Sandez, Luz González e Manuel Bermejo
De esquerda a dereita, Juan Gestal, Isabel Sandez, Luz González e Manuel Bermejo

No 200 aniversario do nacemento do considerado pai da Química moderna en Galicia, a USC desenvolve este curso o Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012). Entre todas as actividades programadas en homenaxe do que fora reitor da USC este martes inaugurouse no Colexio de Fonseca a exposición ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, que permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro de 2013. Os pormenores da mostra explicáronos en rolda de prensa o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, o profesor Manuel Bermejo, e as decanas de Farmacia e Bioloxía, Isabel Sandez e Luz González, respectivamente. Alí lembraron que Casares foi “un dos profesores máis importantes da USC” e un científico innovador pioneiro, por exemplo, na preparación do cloroformo para a súa utilización como anestésico e partícipe nos primeiros ensaios coa luz eléctrica realizados en España. Precisamente algunhas destas innovacións forman parte da exposición que pretende achegar a un público amplo e diverso a figura, biografía e achegas do docente e científico polifacético resaltando a relevancia e diversidade das súas investigacións científicas e, entre outros, o seu papel como introdutor da ciencia burguesa do XIX en Compostela trala morte de Fernando VII. Ademais, as persoas visitantes coñecerán o seu esforzo por devolver á sociedade os avances da Ciencia mediante aplicacións prácticas, en especial en Galicia, e a divulgación científica. Saberán tamén da importancia do seu labor na consolidación dos estudos de química na Universidade e a formación dunha escola química. A mostra Cronoloxicamente a mostra parte das súas orixes en Monforte de Lemos para logo trasladarse, como estudante universitario, a Valladolid e máis tarde ao Colexio de San Fernando de Madrid. Continúa o percorrido pola súa faceta como docente prestando especial atención ao seu relevante papel como tradutor e autor de numerosos libros. A figura de Antonio Casares como importante persoeiro na vida institucional da Universidade (decano de Filosofía, de Farmacia e finalmente reitor entre 1772 a 1888) e como promotor da colaboración interdisciplinar a través da revista da Academia, primeira publicación de carácter científico en Galicia, son outros aspectos destacados na mostra. A farmacia, a familia (xefe de saga) e o seu entronque coa burguesía da cidade do XIX, que emparenta con outras familias daquela, ocupa tamén un espazo da exposición que desemboca no legado que deixou a través dos seus discípulos. A mostra complétase coa Sala da Capela enteiramente dedicada á contribución científica de Casares, tanto a orixinal no eido da química como aqueles noutros campos aos que prestou atención. Así, mostrarase material relacionado co seu labor analítico en campos como a espectroscopía, a análise de augas e viños; cos anestésicos; os ditames periciais; o descubrimento dos minerais Morenosita e Zaratita; a experiencia da luz eléctrica (foi o primeiro que xerou luz eléctrica en España, nun experimento realizado no claustro da Facultade de Xeografía e Historia) ou a estación meteorolóxica (montou o primeiro observatorio meteorolóxico de Galicia), entre outros. Os diversos apartados da exposición confórmanse co material doado para a ocasión polos diversos centros da Universidade compostelá pero tamén por museos e organismos espallados por toda Galicia que dan conta da vida e obra dun científico comprometido coa sociedade da época na que vivía. Público asistente ao acto inaugural (Foto: Santi Alvite) Na inauguración da exposición participaron Manuel Bermejo, Isabel Sandez, o reitor Juan Casares, Victoria Otero e Juan Gestal (Foto: Santi Alvite)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2012.