Pasar al contenido principal

Un ciclo de conferencias reflexionará sobre os dereitos lingüísticos

O prazo de inscrición remata o 25 de setembro

Os/as profesionais do Dereito e da Administración pública en Galicia, segundo a lexislación vixente, deben estar preparados para satisfaceren os dereitos lingüísticos da cidadanía ou dos/as clientes recoñecidos na Constitución, o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Normalización Lingüística. Estes dereitos garanten, entre outras cuestións, que o/a cidadán/á se poida dirixir á Administración pública con sede en Galicia en galego e esixir o seu uso. Co gallo de achegar recursos que cubran o baleiro que os programarios da licenciatura e do grao de Dereito posúen no ámbito dos dereitos lingüísticos, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito da USC organiza un ciclo de conferencias a celebrar en seis sesións entre setembro e novembro. A misión desta iniciativa é achegar ao alumnado de Dereito e demais persoas interesadas información e reflexións sobre os dereitos lingüísticos e o exercicio do Dereito en Galicia. O ciclo permitirá expor os diferentes papeis que lles corresponden aos poderes públicos, como responsables de protexer e fomentar o uso da lingua, e aos cidadáns no exercicio dos dereitos lingüísticos, así como coñecer experiencias que poidan indicar como regular ou abordar o respecto dos dereitos lingüísticos no ámbito do Dereito e da Administración pública. Ademais, ofreceranse referentes sociais de profesionais que usan o galego na súa práctica profesional para intentar acadar os obxectivos do Plan de Normalización do Galego da USC dentro da campaña específica para a Facultade de Dereito, Témoslle Lei. Durante o desenvolvemento desta actividade daranse a coñecer os dereitos lingüísticos e a súa protección nos diversos ámbitos (administración pública, xustiza, educación, ámbito privado), de xeito que os/as asistentes teñan a oportunidade de reflexionar, a través da participación nos coloquios posteriores ás conferencias impartidas por especialistas e da elaboración dun traballo persoal, consistente no comentario de sentenzas en relación coa protección e defensa dos dereitos lingüísticos. Co prazo de matrícula aberta ata o próximo 25 de setembro, recoñeceráselles 1 crédito de libre configuración a estudantes das licenciaturas en Dereito, Políticas e Filoloxía, e da diplomatura en Relacións Laborais que o soliciten, cumpran co 80% da asistencia e entreguen o traballo persoal. Tamén está solicitado o recoñecemento de competencias transversais para alumnado dos graos correspondentes. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.usc.es/gl/servizos/snl/dinamizacion/conferencias_temosllelei.html.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2012.