A USC únese ás iniciativas propostas en toda Europa para a promoción de hábitos sostibles no transporte
Preto de dúas mil cidades europeas súmanse á iniciativa da Semana Europea da Mobilidade que este ano ten por lema Movéndonos na correcta dirección. Esta campaña anual organizada pola Unión Europea ten como obxectivo animar as autoridades locais a introducir e promover medidas de transporte sostible e a convidar á cidadanía a empregar alternativas ao automóbil. A Universidade de Santiago, cun grande abano de políticas activas neste ámbito, súmase a este programa con diversas actividades. A primeira delas será este unha xornada sobre mobilidade sostible organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC e a Facultade de Física para este venres 21. O acto comezará ás 10.00 horas na Aula Magna do centro coa intervención do profesor Luis Miguel Varela Cabo titulada ‘ Transporte, Enerxía e Sociedade’. Posteriormente, o profesor Faustino Gómez Rodríguez amosará a súa visión sobre o uso da bicicleta en ‘Por que non en bici?’ e o director xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera Ferreiro, introducirá aos asistentes nos novos retos na mobilidade. A xornada rematará cun taller de arranxos e seguridade viaria dirixido por persoal de Bicicletas Oliveira. Mobilidade sostible na USC Esta actividade enmárcase dentro das actuacións emprendidas dende a Oficina de Desenvolvemento Sostible para a promoción dunha mobilidade sostible sendo unha destacada a convocatoria anual do Programa de préstamo de bicicletas, que este curso 2012/2013 acadará a súa sétima edición e que se ofertará á comunidade universitaria en próximas datas. O curso pasado 260 persoas foron beneficiarias deste programa, que recibiu 489 solicitudes das cales un 90% corresponden a estudantes, un 5% a persoal docente e investigador e un 3% a persoal de administración e servizos. Outras das accións postas en marcha, que permite unha redución das emisións de CO2 e acadar unha menor incidencia doutros problemas asociados ao tráfico como son a contaminación acústica ou a excesiva ocupación de espazos, é o programa ‘ Comparte Coche’. A través dun espazo web específico promóvese o contacto entre membros da comunidade universitaria que queren compartir coche. Na actualidade hai máis dun cento de persoas inscritas.