Pasar al contenido principal

A USC e a Nacional Autónoma de México celebran esta semana nun congreso os setenta anos de Cuadernos Americanos

As Universidades de Santiago de Compostela e Nacional Autónoma de México (UNAM) organizan o Coloquio Internacional ‘Setenta anos de Cuadernos Americanos: Migración e exilio español republicano (1942-2012)’. O encontro desenvolverase no Centro de Estudos Avanzados entre este martes 9 e o xoves 11 de outubro. Ao longo das tres xornadas trataranse cuestións relacionadas coa revista internacional Cuadernos Americanos, fundada en 1942 por un grupo de intelectuais mexicanos e españois exiliados e dedicada á reflexión sobre temas e problemas de América Latina. O encontro inaugurarao o reitor Juan Casares este martes ás 10.00 horas nun acto ao que lle seguirá o profesor da UNAM Adalberto Santana coa conferencia ‘Sete décadas de Cuadernos Americanos’. A sesión continuará coa intervención do profesor da USC José Manuel González Herrán sobre as colaboracións de Emilia Pardo Bazán na prensa americana entre 1879 e 1921 e de Pedro Pérez e Inmaculada Simón, da Universidade de Alcalá de Henares, sobre os retornados da emigración e do exilio. Do exilio arxentino e mexicano de Rafael Dieste falará pola tarde o catedrático Darío Villanueva, a quen lle seguirá María Xosé Rodríguez Galdo cunha intervención sobre a contribución do equipo CEPAM ao estudo das migracións e o exilio en Galicia. Outras xornadas O embaixador mexicano Gilberto Bosques e o seu apoio ao exilio español en Marsella, a lei de cidadanía española no exterior ou a Biblioteca América da USC son outras cuestións a tratar nos seguintes dous días que dura o encontro científico. Das universidades organizadoras levan o peso do coloquio a Rede de Investigadores en Demografía, Historia Económica e Migracións da USC (Grupo RIDHEM) –que presentará a súa achega ao estudo das migracións e o exilio en Galicia- e o Centro mexicano de Investigacións sobre América Latina e o Caribe. De aí que moitas das intervencións se centren na pegada do exilio, os retornados e as novas realidades migratorias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.10.2012.