Pasar al contenido principal

A EPS de Lugo estuda as propiedades medicinais e as posibilidades de cultivo comercial da árnica de montaña

Planta de árnica en campo (Lugo)
Planta de árnica en campo (Lugo)
Os resultados obtidos ata o momento demostran que a comercialización desta planta podería ser un bo complemento a outras actividades agrícolas e gandeiras

A Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo desenvolve desde hai unha década unha investigación para o coñecemento e a caracterización da árnica de montaña en Galicia, unha planta medicinal utilizada desde a antigüidade polas súas propiedades bacteriostáticas e funxiestáticas, antiinflamatorias, antirreumáticas e cardiotónicas. No traballo, coordinado pola profesora Rosa Romero, participan tamén o catedrático Antonio Rigueiro; os profesores Manuel Rodríguez Guitián, Pilar González Hernández, Elvira López Mosquera e Carlos Real Rodríguez; e Ruth Barros Camba, estudante de doutoramento. Ademais da súa caracterización morfolóxica e da análise dos contornos nos que se desenvolve con maior facilidade a árnica de montaña (especialmente turbeiras, uceiras e prados de sega seminatural), a finalidade última do estudo é analizar as súas posibilidades comerciais nunha rexión, como a galega, na que esta planta se dá con gran facilidade: existen plantacións de árnica en toda Galicia, desde o nivel do mar ata os 1.600 metros de altura, cun desenvolvemento idóneo en zonas húmidas e de mediana altura das provincia de Lugo e Ourense. O estudo conclúe que en Galicia coexisten dous quimiotipos distintos, o coñecido como quimiotipo europeo e o español, o que repercute tanto a nivel comercial como da xestión das poboacións. As condicións do solo nas que a árnica medra máis facilmente son xustamente as que resultan máis limitadoras para outro tipo de cultivos, polo que non entra en confrontación con outras producións: “En función dos resultados obtidos podemos afirmar que a árnica de montaña é unha planta eficiente desde o punto de vista nutritivo en solos sometidos a estrés hídrico, con valor de pH ácido e con baixos contidos de macronutrientes, é dicir, situacións nas que calquera outro tipo de aproveitamento agrícola sería moi pouco produtivo”, indica Rosa Romero. Viabilidade comercial Para avaliar as posibilidades de cultivo da árnica de montaña, primeiramente fixéronse probas de xerminación en laboratorio e en viveiro con exemplares pertencentes a diversas poboacións de Galicia: “A maioría das poboacións xerminan entre os 14 e os 20 días despois da sementeira”, explica Rosa Romero, “e as porcentaxes de xerminación totais, aínda que variables segundo as poboacións estudadas, son en xeral son moi elevadas, o que garante unha sementeira existosa”. Os resultados indican que se trata dunha planta de fácil aclimatación, sempre que se cumpran unha serie de premisas: o cultivo só pode establecerse en solos de pH ácido, ricos en materia orgánica e con baixos contidos en nitróxeno; o espazo de plantación debe estar en lugares abertos e sen sombra; e é preciso realizar un control efectivo de adventicias (malas herbas). Segundo Rosa Romero, “o control destas adventicias é determinante, pois cando se domestica a planta, se non se toman medidas, nos primeiros estadios o cultivo vese desprazado polas malas herbas”. No estudo da EPS empregáronse acolchados para o control destas malas herbas. Baixo estes parámetros, os responsables do estudo conclúen que o aproveitamento das plantas medicinais podería ser un bo complemento a outras actividades agrícolas e gandeiras, “sempre pensando na realización dalgún tipo de labor de procesado posterior, pois está constatado que a venda directa ao por maior non é rendible”, afirman. En Galicia xa hai experiencias pioneiras, como a da cooperativa Milhulloa (Palas de Rei), pero moi lonxe doutras zonas como Cataluña, onde mesmo existe unha asociación de produtores de plantas aromáticas e medicinais. Principios activos Ademais, este estudo analizou por primeira vez os principios activos da árnica de montaña: principalmente, as lactonas sesquiterpénicas e os flavonoides presentes nas súas flores. Para iso empregouse un sistema de cromatografía fina de alta resolución (HPLC), que permitiu identificar e cuantificar os distintos compostos. O seu modo de emprego é moi variable, pero principalmente utilízase en infusión ou tintura, moi diluída, aplicada en forma de locións ou compresas embebidas, como vulneraria (favorecedora da curación de feridas) e antiinflamatoria en caso de contusións, hematomas e reumatismo. Ademais, na actualidade úsase tamén en farmacia, cosmética e homeopatía, en diferentes preparados terapéuticos (xeles, cremas, ungüentos, xampus...). A maioría dos principios activos que teñen utilidade medicinal son sintetizados polas plantas no seu metabolismo secundario, e moitos deles prodúcense como un mecanismo das plantas para se defenderen de agresións ambientais, xa sexan climáticas, por parte de herbívoros, ataques de insectos, etc. Por este motivo, recoméndase que sempre que se cultiven plantas medicinais se intenten reproducir ao máximo as condicións das poboacións naturais. O perigo da recolección silvestre A principal ameaza desta planta é a recolección incontrolada nas poboacións naturais, así como o cambio do uso do territorio, que afecta as condicións ambientais onde medran as plantas. “A árnica de montaña é unha planta de medios ácidos e que tolera moi mal os niveis altos de calcio na solución do solo. A transformación producida en Galicia, sobre todo a partir dos anos oitenta, de prados seminaturais en prados ‘artificiais’ con trevo e raigrás, na procura dunha maior produción láctea, supuxo unha práctica de encalado do solo que provocou a desaparición de moitas poboacións de árnica”, indica Rosa Romero. Debido a esta fraxilidade, a recolección silvestre só sería admisible se se cumpren unha serie de premisas: unha recollida controlada administrativamente (cun censo de colleitadores e cantidades) e a posta en marcha de métodos de recolección ao abeiro das recomendacións da OMS e do estándar de recomendacións publicado polo Medicinal Plant Especialist Group. Por este motivo, o seu cultivo doméstico axuda á súa conservación e supón unha potencial fonte de ingresos en terreos nos que outro tipo de cultivos serían dificilmente viables. Exemplo dunha turbeira con árnica en Meira (Lugo) Alvéolos de plántulas con árnica (obtención de planta para levar ao campo)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.10.2012.