Pasar al contenido principal

Continúa aberta a inscrición no máster on line en Sociedade da información e do coñecemento da USC

A Universidade de Santiago mantén aberta ata o 4 de novembro a inscrición no seu Máster on line en Sociedade da información e do coñecemento da USC 2012-2013 co que se pretende mostrar a importancia das TIC como ferramentas estratéxicas capaces de desenvolver social, cultural e economicamente un territorio. Búscase tamén establecer condicións de colaboración científica poñendo en valor os fluxos de comunicación e coñecemento entre o urbano e o rural e entre as rexións periféricas e as centrais. O profesorado que impartirá as aulas posúe unha ampla experiencia no mundo da empresa e a investigación, pertencendo a maior parte aos grupos de investigación da USC Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; Novos Medios e Sistemas Intelixentes; e Análise de Modelización Económica. O seu enfoque eminentemente práctico permite ao alumnado obter unha formación cualificada para o deseño e xestión avanzada de páxinas web, produción de recursos multimedia de vídeo, son e fotografía dixital así como o contacto co mundo laboral coa opción de poder realizar estancias de prácticas en, entre outros, a Fundación CEER Galicia-Norte de Portugal, Idega, Feiraco, Granxafamiliar, Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Tecendo Redes, Mmasa Arquitectos, Galicia Autentica, Agalip, ADAF, Cief-Caixa Galicia, Asociación Ibérica de Sistemas y Tecnologías de la Información, CITA-Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Cáritas ou Concellos de Santiago de Compostela e Brión. Ademais, o alumnado pode participar no programa de bolsas para prácticas en pemes do Banco de Santander. O posgrao conta coa colaboración da Fundación Fulbright e a Comisión de Intercambio Cultural e Educativo e Científico España-Estados Unidos así como coa participación de profesorado especializado de universidades estadounidenses en cuestións relacionadas con telecomunicacións e desenvolvemento urbano e rexional. A colaboración tamén se estende ao Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e á Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (AISTI), que ofertan bolsas específicas para os estudantes do máster. A estas axudas hai que sumar outra propia da USC que supón a subvención do 75% do importe total da matrícula.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.10.2012.