Preséntase na EPS de Lugo unha tese de doutoramento que analiza as potencialidades do sensor LiDAR nos estudos do forestais

O xoves 11 preséntase na Escola Politécnica Superior de Lugo a tese de doutoramento ‘ Aplicación de LiDAR aerotransportado na xeración de modelos dixitais do terreo e na estimación de variables dasométricas’, de Eduardo González Ferreiro, dirixida polos doutores Ulises Diéguez Aranda e David Miranda Barrós, do Departamento de Enxeñería Forestal. Neste traballo analízanse as potencialidades do sensor LiDAR (Light Detection and Ranging), un sistema aerotransportado para a elaboración de Modelos Dixitais de Elevación (MDE) de zonas arboradas e para a obtención das principais variables dasométricas de interese para a xestión forestal en masas de Pinus radiata D. Don en Galicia. “A sociedade, cada vez máis consciente dos beneficios que os bosques proporcionan, demanda unha maior atención por unha xestión forestal sustentable. A consecución deste obxectivo pasa por unha optimización da xestión forestal, para o cal é necesario dispoñer de información de calidade sobre os recursos existentes e sobre os riscos que os poidan ameazar”, explica Eduardo González, quen asegura tamén que mediante a tecnoloxía LiDAR “é posible obter de forma fiable, rápida e automática información sobre a cantidade e localización da madeira en pé, a biomasa e CO 2 acumulados, os combustibles e o risco de incendios, as infraestruturas existentes ou as pendentes e orientacións, entre outros datos”. Esta tese desenvolveu e probou metodoloxías que permiten facer un inventario forestal completo en Galicia mediante LiDAR a partir da xeración de MDE fiables e da estimación precisa das principais variables dasométricas empregadas polos xestores forestais. A información proporcionada na tese busca axudar na toma de decisións para unha xestión forestal integrada, sostible e eficaz. Ademais, nesta tese fíxose fincapé na importancia dos datos LiDAR recollidos co Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), da Dirección General do Instituto Geográfico Nacional (IGN) e Centro Nacional de Información Geográfica (CNIG), que están actualmente dispoñibles para a meirande parte do territorio español de forma gratuíta, debido á súa enorme potencialidade para o sector forestal. A tese será avaliada por un tribunal composto por Juan Gabriel Álvarez González (catedrático da Área de Enxeñería Agroforestal da USC), Fernando Castedo Dorado (profesor titular da Área de Produción Vexetal da Universidade de León), Juan Claudio Suárez Mínguez (xefe da Sección de Teledetección Forestal na Forestry Commission do Reino Unido), Jacqueline Rosette (investigadora da NASA nos Estados Unidos) e Inés Santé Riveira (profesora da Área de Enxeñería Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da USC). Eduardo González (centro), acompañado polos directores da súa tese de doutoramento, Ulises Diéguez (esquerda) e David Miranda (dereita)