Pasar al contenido principal

John Christian Laursen: “Moitos dos nosos problemas económicos e políticos débense a ter líderes cínicos que non serven ao pobo”

O profesor John Christian Laursen, desenvolve unha estadía na Facultade de Filosofía
O profesor John Christian Laursen, desenvolve unha estadía na Facultade de Filosofía
O profesor John Christian Laursen, desenvolve unha estadía na Facultade de Filosofía interesado na filosofía política, e particularmente no escepticismo, cinismo e ironía na historia da Filosofía...

O concepto ‘cínico’ e as súas variantes arredan as súas raíces na historia grega, cando Dióxenes o Cínico, que vivía nun barril inaugurou unha actitude moral baseada no ascetismo e reivindicando unha postura espartana. Foi unha figura “anticonsumista que na actualidade denunciaría o cultura materialista”, conclúe John Christian Laursen, profesor do Departamento de Ciencia Política da Universidade de California que acaba de iniciar unha estadía de tres meses na Facultade de Filosofía da USC grazas a unha bolsa da Comisión Fulbright. “Moitos dos nosos problemas económicos e políticos débense a ter líderes cínicos que non serven ao pobo”, afirma o profesor Laursen lembrando a evolución que o concepto ‘cínico’ experimentou dende a historia grega ata o tempo presente. No século XVIII “en lugar de cínicos, entendidos como ascetas, había hipócritas”. O docente da Universidade de California está especializado en Historia da Filosofía e particularmente na filosofía política con especial atención ao escepticismo, cinismo e ironía na historia da Filosofía dende os gregos. Na procura de intercambiar experiencias no ámbito docente e investigador con estudosos da USC, John Christian Laursen chega á USC co obxecto de “participar na vida filosófica” galega e española e na procura de avaliar o contexto e o sentido das palabras coas que se comunica a política. Na súa opinión pode falarse dun problema xeral de moralismo na vida política, “moitas das persoas que mantiñan unha actitude moralista –entendida no sentido de cínica na súa acepción clásica- estaban mentindo”. Fronte estas actitudes “é difícil identificar a quen é honesto” e non existen receitas, unicamente “estar atentos para desenmascaralo”, nun proceso continuo no que “a solución é seguir sendo críticos”. O profesor John Christian Laursen permanecerá en Compostela ata o próximo de decembro, destacando o seu agradecemento pola acollida dos profesores Marcelino Agís e Martín González. A súa estadía na USC súmase a outras experiencias previas en Valencia, así como en institucións universitarias de Francia, Italia ou Rusia. Dende o seu ámbito de estudo, o docente americano mostra un especial interese pola figura e o pensamento de Pedro de Valencia e do médico e filósofo Martín Martínez.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.10.2012.