Pasar al contenido principal

Un equipo interdisciplinar da USC propón un achegamento ao fenómeno de A arte rupestre no norte do Barbanza

De esquerda a dereita: Lucila Ventoso, Raquel Casal, Juan Casares, Juan Monterroso, Ramón Fábregas e Xoán Guitián. Foto: Alfonso-Servimav
De esquerda a dereita: Lucila Ventoso, Raquel Casal, Juan Casares, Juan Monterroso, Ramón Fábregas e Xoán Guitián. Foto: Alfonso-Servimav
Este é o tema do libro presentado en Xeografía e Historia

Arqueólogos, edafólogos, historiadores da arte, restauradores e xeógrafos xuntan esforzos para achegarse ao fenómeno de A arte rupestre no norte do Barbanza, título do libro que acaba de presentarse na Facultade de Xeografía e Historia. O reitor Juan Casares presidiu este mércores 10 a presentación do volume na Sala de Profesores do centro, nun acto ao que tamén acudiron o coordinador do libro, o profesor Ramón Fábregas; o coautor Xoán Guitián; a representante de Andavira Editora, Lucila Ventoso; o decano da Facultade, Juan Monterroso; e a directora do Departamento de Historia I, Raquel Casal. A arte rupestre no Norte do Barbanza é unha obra impulsada polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC (GEPN) que propón un achegamento interdisciplinar aos petróglifos galegos. A vertente Norte da Península do Barbanza (A Coruña) era, ata hai dúas décadas, unha área na que os petróglifos eran practicamente descoñecidos, pero os traballos levados a cabo por persoas afeccionadas e equipos de arqueoloxía permitiron descubrir un gran número de estacións rupestres que destacan pola gran variedade das súas representacións. O libro “é a culminación dun soño persoal e a mostra do traballo ben feito do grupo GEPN”, dixo Xoán Guitián no inicio da quenda de intervencións que continuou con Lucila Ventoso para quen esta obra “é un dos proxectos máis difíciles e completos que ten acometido Andavira” e unha honra “ traballar con xente que o fai tan ben e, particularmente, con esta Universidade”. O catedrático Ramón Fábregas explicou que as páxinas agora presentadas recollen o estudo relativo ao norte de Barbanza e adiantou que cando se complete o relativo á zona Sur “Barbanza será un dos grandes grupos da arte rupestre e isto xerará riqueza económica e de transferencia de coñecemento”, conceptos nos que tamén abondou Juan Monterroso que subliñou o gran valor do libro no económico e no socio-identitario e cultural. Pola súa banda, Raquel Casal destacou a valía científica dos coautores, Ramón Fábregas e Carlos Rodríguez Rellán, ausente no acto por atoparse realizando unha estadía en Estados Unidos. No peche da presentación, o reitor Juan Casares uniuse ao recoñecemento do traballo do grupo de investigación GEPN e mostrou a súa satisfacción polos resultados acadados, particularmente polo valor que ten a posta en común de investigadores procedentes de distintos ámbitos do coñecemento. O libro colecta os resultados do traballo do equipo multidisciplinar que entre 2002 e 2005 participou no proxecto de investigación ‘Ocupación do espazo e modificacións do entorno na Península do Barbanza durante a Prehistoria recente’ desenvolvido polo GEPN e centrado na análise do fenómeno rupestre do Norte da Península do Barbanza, en concreto nos límites administrativos do Concello de Porto do Son. Posteriormente puidéronse levar a cabo novas actuacións na área de estudo a través dos convenios coa Subdirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, entre os anos 2006 e 2008. O equipo de investigación escolleu o Concello de Porto do Son debido á potencialidade arqueolóxica desta área, “posta en relevo polas investigacións previas que apuntaban a que podía converterse nun núcleo con entidade propia dentro da provincia rupestre galaica”, apuntan os autores. Así mesmo, a Península do Barbanza constitúese como unha área xeográfica ben delimitada e cunhas características xeolóxicas e climáticas diversificadas que, en xeral, resultarían “moi apropiadas” para o asentamento humano prehistórico, “o que facía pensar na posibilidade de abordar o estudio da arte rupestre dende unha perspectiva ampla que tamén tivese en conta outras esferas da realidade arqueolóxica, como a doméstica e a funeraria”, explican.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2012.