A Escola Politécnica Superior de Lugo pon en marcha o novo máster en Produción de Leite
O mércores 17 terá lugar a presentación oficial do máster en Produción de Leite organizado pola Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo. Trátase da primeira edición deste posgrao propio que, segundo os seus organizadores "vén cubrir un oco no sistema universitario de Galicia, carente na actualidade de estudos específicos destinados á produción de leite, e responde á demanda de técnicos cualificados nun sector, o do leite en Galicia, cada vez máis dinámico, profesional e competitivo". No acto inaugural, que se celebrará ás 12.00 horas na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior, participarán o coordinador do máster, César Resch; o director da Escola, Javier Bueno; o director do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), Javier González-Palencia; o presidente da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, José María Calo; o xerente de Leyma Central Lechera, Xan Rodríguez Diz; e o director de Progando, Xosé Turnes. A oferta formativa, estruturada desde unha perspectiva multidisciplinar, componse de 50 créditos, dos que 25 se corresponden cos contidos teóricas e os outros 25 co traballo de final de máster e unhas prácticas obrigatorias. As materias abranguen aspectos como produción de forraxes, morfoloxía e fisioloxía de vaca de leite, alimentación, instalacións gandeiras, calidade do produto, organización do traballo ou economía aplicada á produción de leite. Máis 40 docentes, entre investigadores, docentes universitarios e técnicos de empresas privadas, serán os encargados de achegar os contidos do curso. Nesta primeira edición cubríronse as 15 prazas ofertadas, e as clases darán comezo o xoves 18 nas instalacións do LIGAL no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña).