Un obradoiro en Dereito ligará a utilización da lingua galega co desenvolvemento de habilidades comunicativas orais e a iniciación na argumentación xurídica
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito desenvolverá un obradoiro que ligará a utilización da lingua galega co desenvolvemento de habilidades comunicativas orais e a iniciación na natureza, instrumentos, límites e fins da argumentación xurídica aos futuros/as profesionais. Na Aula 14 da Facultade de Dereito e co lema ‘Falar ao dereito’, o programa formativo desenvolverase os luns e mércores do 12 de novembro ao 5 de decembro en horario de 18.00 a 20.30 horas, cunha carga lectiva de 30 horas, 20 presenciais e 10 de traballo persoal. O curso está dirixido especificamente ao alumnado deste centro compostelán, ata un máximo de 20 persoas, e matrícula gratuíta. A preinscrición xa se pode formalizar ata o vindeiro 7 de novembro na Secretaría Virtual. O obradoiro ten solicitado un crédito de libre configuración para a licenciatura en Dereito e está solicitado o recoñecemento de competencias transversais (lingua) para o grao en Dereito. A USC emitiralles un diploma de bo aproveitamento, no cal figurará o número de horas correspondentes (30 horas), a aqueles alumnos e alumnas que asistan con regularidade e consigan a cualificación de APTO/A. A través dunha metodoloxía eminentemente práctica, esta accións formativa busca estimular e mellorar as habilidades comunicativas orais e argumentativas do alumnado, en galego. Concretamente, nas distintas sesións traballarase cos/as participantes para aprender e superar o medo a falar en público, adquirir estratexias de expresión oral e xestual, mellorar a competencia da expresión oral en galego, familiarizar o alumnado coa argumentación en xeral e identificar as peculiaridades da argumentación xurídica respecto da argumentación en xeral. Concha Diéguez, directora de Reverso Comunicación, Cultura e Lingua, e o avogado Héctor López de Castro son os profesores encargados de desenvolver o curso, que se vai articular arredor de dous bloques temáticos dedicados á oralidade e á argumentación xurídica. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web do obradoiro.