Pasar al contenido principal

A violencia de xénero, a debate nun congreso internacional en Santiago

Do vindeiro luns 29 de outubro ata o día 30 a Facultade de Dereito da USC congregará a recoñecido persoal experto en materia de violencia de xénero. Será no Congreso Internacional ‘ Mediación e violencia de xénero’ que se inaugurará o luns ás 10.00 horas nun acto no que participan o reitor Juan Casares; a directora do congreso, Raquel Castillejo; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadena Sobreira; e o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez Macho. Logo da apertura terá lugar a presentación de cuestións preliminares relativas á violencia de xénero, para continuar cun panel sobre os retos da xustiza actual nesta materia no que participarán a xuíza do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 3 de Lugo Estela San José Asensio e as profesoras da USC Raquel Castillejo e Lourdes Noya. Pola tarde, logo da intervención da profesora de Lingüística Xeral Teresa Moure, terá lugar unha sesión de aproximación multidisciplinar á violencia de xénero na que tomarán a palabra especialistas en psicoloxía, dereito penal e procesual. O congreso continuará ata o mércores con numerosos relatorios e mesas de debate que incidirán de maneira especial en cuestións referidas á xustiza restaurativa e á mediación penal. Participarán como voces especializadas recoñecidos especialistas do eido da psicoloxía, a Universidade, a maxistratura ou a avogacía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2012.