Pasar al contenido principal

Unha tese da USC propón a adición de probióticos en especies acuícolas para mellorar os rendementos da produción

Unha tese da USC propón a adición de probióticos en especies acuícolas para mellorar os rendementos da produción
Unha tese da USC propón a adición de probióticos en especies acuícolas para mellorar os rendementos da produción

De ser certas as previsións da FAO que falan de que a produción de alimentos terá que duplicarse para satisfacer as necesidades dunha poboación que atinxirá os 9.000 millóns de habitantes en 2050, son precisas accións que aseguren unha sustentabilidade no proceso produtivo das fontes alimentarias. E dado que o peixe será unha das principais debido ao seu contido proteico e doutros nutrientes indispensables, a acuicultura moderna demanda alternativas que permitan un ambiente microbiolóxico san, mantendo altos rendementos de produción. Neste contexto enmárcase a tese de doutoramento de Paula Daga Miraz ‘Selección, desenvolvemento e produción de microorganismos probióticos para a súa implementación en sistemas de alimentación acuícola’ que lle dirixiron os docentes Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, o Grupo de Investigación de Enxeñería Ambiental e Biorpocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC. A tese desenvolve unha proposta de microorganismos probióticos para a súa aplicación en sistemas de alimentación acuícola que mellora os niveis de supervivencia nas fases iniciais de cultivo con altos rendementos de produción. O traballo englobou tarefas de investigación básica e aplicada, que permitiron transferir os coñecementos dende o laboratorio ata o procesos produtivo. Así, nas instalacións da empresa ABIASA en Tui levouse a cabo a produción industrial de diversas formulacións de probióticos que amosaran previamente a súa actividade microbiana. Á súa vez esta produción permitiu realizar na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ensaios no terreo piloto-industrial no cultivo do rodaballo, que amosaron que a adición de probióticos supuña unha mellora nos niveis de supervivencia na fase larvaria (aumento do 3,8%) e tamén un aumento do tamaño nos individuos adultos.

O tribunal que avaliou o traballo defendido este venres na ETSE estivo composto polo catedrático de Enxeñaría Química da USC, Juan Manuel Lema Rodicio; o profesor de Enxeñaría Química da USC Jorge Sineiro Torres; o profesor de Tecnoloxía de Alimentos da Complutense de Madrid, Juan Miguel Rodríguez Gómez; o Investigador do CSIC de Sevilla, Antonio Maldonado Barragán; e a investigadora post-doutoral Juan de la Cierva da Autónoma de Barcelona, Carmen López Díaz.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2012.