O II Congreso Internacional da Sociedade Científica de Odontoloxía Implantolóxica reúne en Compostela aos máis importantes expertos da disciplina
Preto de medio centenar de relatores de Alemaña, Bélxica, Brasil, Corea, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Italia, Suíza e Taiwán traerán a debate a Compostela as principais novidades que no campo da práctica clínica e a investigación se están a desenvolver na implantoloxía odontolóxica. Será no transcurso do segundo congreso internacional da Sociedade Científica de Odontoloxía Implantolóxica (SCOI), ao que está prevista a asistencia de aproximadamente 400 profesionais, representantes das principais empresas do sector ou dous dos expertos internacionais con máis investigacións realizadas nesta área, en calidade de relatores. Defender e divulgar a ciencia e, sobre todo, trasladala ao día a día, mellorando a calidade da atención aos pacientes sen esquecer novos campos para a investigación, foron os obxectivos que guiaron o deseño do programa, cuxos principais detalles presentaron este mércores en rolda de prensa os profesores da Facultade de Odontoloxía e integrantes do Comité Organizador do encontro, Gonzalo López Castro e Mercedes Gallas. Como explicou o presidente do comité organizador este é “o congreso máis importante do ano no eido da implantoloxía” o que na súa opinión xustifica que ao longo destes dous días se darán cita en Compostela “a elite da implantoloxía española”. Xunto aos investigadores e especialistas tamén estarán presentes as máis representativas casas comerciais do sector. Neste senso, Gonzalo López lembrou que España é o segundo país do mundo que máis implantes odontolóxicos consume. Os avances tecnolóxicos na cirurxía guiada, próteses implantarias biolóxicas, a patoloxía periimplantaria, rexeneración ósea, enxertos óseas ou complicacións implantolóxicas son algúns dos temas que se tratarán entre os días 25 e 27 próximos nunha xuntanza que terá como punto de partida a conferencia inaugural que pronunciará o catedrático Ángel Carracedo sobre a relación entre xenética e odontoloxía. Ademais das sesións científicas, o Congreso contempla dous cursos especializados dirixidos a hixenistas e protésicos e dous obradoiros clínicos que estarán dedicados a cirurxía piezoeléctrica e á elevación do seno. Programa A cerimonia de inauguración deste congreso celebrarase este xoves 25 ás 20.10 horas no Auditorio de Galicia presidida polo reitor Juan Casares, nun acto no que tamén intervirán a vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Inmaculada Tomás; o presidente da SCOI, Pablo Galindo; e o presidente deste segundo Congreso, Gonzalo López Castro. Inmediatamente despois da inauguración oficial, o catedrático Ángel Carracedo pronunciará a conferencia inaugural. A quenda de intervencións comezará con anterioridade, a partir das 15.30 horas, cunha serie de relatorios sobre a preservación do reborde alveolar post-extracción, solucións dixitais en implantoloxía, implantoloxía guiada asistida por ordenador, a periimplantite ou complicacións na implantoloxía.