Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno celebrou a súa última xuntanza do ano

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reuniuse este venres por última vez neste ano para tratar diversos asuntos, entre eles a planificación académica anual para o vindeiro curso 2013-2014. Con respecto a este punto, que permite formular a oferta académica das titulacións oficiais da Universidade, quedou aprobado o seu calendario. Ademais, acordouse nomear profesor-investigador ad honorem a José María Isidro Gómez, Manuel José Botana Agra, Perfecto Yebra Martul-Ortega, José Luis Barreiro Barreiro, Luis Tomás Villegas Forero, Rafael Tojo Sierra, José Miñones Trillo, Alfonso Castiñeiras Campos, Luis Castedo Expósito e Juan Luis Pintos de Cea. Así mesmo, prorrógase este recoñecemento a César Lorenzo Raña Dafonte, Andrés Torres Queiruga, Juan Vázquez Sánchez e Enrique Raviña Rubira. Revogación de Másteres O Consello de Goberno acordou tamén aprobar o inicio do procedemento de revogación da autorización de implantación dos másteres universitarios en Dirección e Planificación do Turismo; Edición; Investigación en Tecnoloxías da Información; Lingüística Galega e Renovación Urbana e Rehabilitación. Este é un requisito para a extinción final prevista para estes posgraos, que levaban sen ser ofertados durante dous anos consecutivos. Participación en nova EBT A USC participará cun 5% no capital social fundacional da EBT Xuntos S.L. tal e como se acordou este venres. A empresa propón transferir o coñecemento xerado dentro da USC, concretamente nas Unidades de Trastornos Depresivos e de Atención Médico Psicolóxica,mediante diversos proxectos de I+D que teñen por obxecto a prevención de trastornos depresivos ligados á dependencia de diversas sustancias. Estas metodoloxías foron validadas na atención a máis de 1.500 pacientes . Os promotores do proxecto empresarial son os doutores Fernando L. Vázquez González e Ángela Torres Iglesias, profesores titulares dos Departamentos Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública, respectivamente; e Patricia Otero Otero, Vanessa Blanco Seoane e Elisabet Hermida García. Mi bisabuelo , na USC Tamén na xuntanza de hoxe se aceptou que, por desexo expreso de Jorge Devoto del Valle-Inclán, propietario do manuscrito orixinal do conto Mi bisabuelo, esta obra sexa depositada sine die na Biblioteca da USC que, unha vez faleza o donante, incorporará aos fondos documentais valleinclanianos con cesión dos seus dereitos de propiedade. Outros asuntos Na xuntanza deste venres aprobáronse ademais a convocatoria de bolsas de comedor do Sistema Universitario de Residencias da USC concibidas como accións de apoio económico ao estudantado con menos recursos e a adhesión do Club USC ao proceso de constitución da Federación Galega da disciplina deportiva de Orientación.

Por último, acordou adherirse ao manifesto da Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) en defensa da profesión. O documento, que cifra en 10.000 o total de xornalistas en paro, asegura que “a defensa da liberdade de prensa, do dereito de información e do exercicio dun xornalismo digno e dignamente remunerado, incumbe tamén ás institucións e á cidadanía”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2012.