Pasar al contenido principal

Remata o prazo para participar no programa ‘Novos Emprendedores: Aprendendo a Emprender’

Estudantes, doutorandos/as e titulados/as recentes das 20 universidades que forman RedEmprendia, rede universitaria iberoamericana que apoia a innovación e o emprendemento responsable, poderán participar na segunda edición do programa ‘Novos Emprendedores: Aprendendo a Emprender’, que promove a formación internacional de universitarios/as interesados/as en iniciar un proxecto empresarial. As persoas interesadas poderán realizar estancias formativas, durante dous ou tres meses, en pequenas e medianas empresas xa consolidadas e con sede noutro país. RedEmprendia convoca 40 bolsas en total (un máximo de dúas para cada institución) que sufragarían en parte os gastos de desprazamento e estancia destes emprendedores. A inscrición permanecerá aberta ata o 21 de decembro a través do formulario en liña dispoñible na web de RedEmprendia. Os/as aspirantes deben contar cun proxecto empresarial ou cunha empresa xa creada (cunha antigüidade máxima dun ano) e presentar o seu plan de negocio. Pola súa banda, as empresas receptoras serán compañías consolidadas no seu sector e cun mínimo de 3 anos de actividade. As estancias poderán realizarse en empresas de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal. Cada universidade participante realizará unha preselección, e poderá elixir entre catro e seis candidatos. Entre eles, RedEmprendia seleccionará un máximo de dous beneficiarios por universidade, unha lista que completará cunha relación de suplentes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2012.