Pasar al contenido principal

A Cátedra José Ángel Valente da USC publica a primeira aproximación biográfica sobre o poeta ourensán

Claudio Rodríguezx Fer, director da cátedra e un dos autores da obra, na Biblioteca Valente de Marrakech (Marrocos)
Claudio Rodríguezx Fer, director da cátedra e un dos autores da obra, na Biblioteca Valente de Marrakech (Marrocos)
é unha obra conxunta de Claudio Rodríguez Fer, director da cátedra, e dos doutores Marta Agudo e Manuel Fernández Rodríguez

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, dirixida polo profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, acaba de publicar o libro Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) a través do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. O libro foi escrito polo propio Claudio Rodríguez Fer en colaboración con outros dous doutores: a tamén poeta Marta Agudo e Manuel Fernández Rodríguez, quen se doutorou con Premio Extraordinario cunha tese sobre Valente. Trátase da primeira aproximación biográfica á vida e aos lugares de Valente, neste caso centrada na súa nenez e na súa mocidade ao longo de case cincocentas páxinas. A ilustración da cuberta correu a cargo da pintora María José Santiso. Valente vital é o resultado de moitos anos de investigación na vida e na obra de Valente por parte dos seus tres autores, que xa publicaron outros moitos libros sobre o poeta. Claudio Rodríguez Fer aborda a vida e a obra de Valente dende o seu nacemento e infancia en Ourense ata o seu período estudantil na Universidade de Santiago de Compostela, así como os seus posteriores regresos a Galicia. Marta Agudo trata da súa etapa en Madrid, onde se licenza e casa ao tempo que publica o seu primeiro libro, A modo de esperanza, galardoado xa co prestixioso Premio Adonais. Manuel Fernández Rodríguez ocúpase da súa instalación, docencia e investigacións na Universidade de Oxford, así como dos seus regresos a Inglaterra durante a súa madurez. A obra articúlase pois en torno aos lugares máis emblemáticos do primeiro Valente: o Ourense da República e da guerra civil; o Santiago da súas primeiras publicacións en galego; o Madrid da posguerra onde se consagra como poeta; e o Oxford onde consolida a súa vocación e a súa formación internacional. Segundo Rodríguez Fer, “unha obra desta dimensión non podería ser feita sen o testemuño e a colaboración de numerosos familiares e amigos de Valente, así como tampouco sen os fondos do arquivo e da biblioteca persoais que o escritor legou á Universidade de Santiago de Compostela e que se custodian na Cátedra Valente, principal centro de investigación do valentismo mundial”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2012.