Pasar al contenido principal

A USC e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia crean a Cátedra de Educación Médica USC-SEMG

A USC e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia crean a Cátedra de Educación Médica USC-SEMG
A USC e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia crean a Cátedra de Educación Médica USC-SEMG

A Cátedra de Educación Médica USC-SEMG colaborará en procesos de formación dos diferentes niveis académicos, con especial atención á etapa de grao, pero tamén en posgrao, formación presencial, a distancia e en formatos mixtos, así como a través do programa de formación para Iberoamérica a través das plataformas informáticas da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG). O reitor da USC, Juan Casares, e o presidente da SEMG, Benjamín Abarca Buján, asinaron este mércores 12 o convenio polo que se crea a cátedra, que substituirá á creada en 2007 baixo a denominación de Cátedra SEMG de Medicina da Familia na USC. No acto de sinatura estiveron presentes ademais o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; o director da Cátedra e vicedecano, Víctor Arce; e a co-directora da Cátedra en representación da SEMG, Pilar Rodríguez. A súa posta en marcha orientarase ao asesoramento para a execución de propostas de mellora da docencia que se imparte na Facultade de Medicina, así como á promoción entre o profesorado de formación en novas tecnoloxías docentes e entre o alumnado de habilidades clínicas, potenciando o uso do Laboratorio de Habilidade e a simulación médica. Ademais, entre os seus cometidos estará preparar tanto a docentes como ao estudantado para a realización da Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada (ECOE) coa que se vai avaliar ao alumnado de Medicina ao final do grao-máster. Outras actividades da Cátedra de Educación Médica serán a colaboración na realización dos Traballos Fin de Máster, así como coa materia de Medicina de Familia que se imparte na USC. Ademais, a colaboración subscrita permitirá colaborar no deseño e desenvolvemento das prácticas nos centros de saúde, tanto no período lectivo como no non lectivo. Outro capítulo tamén recollido no documento asinado será a oferta e dotación de bolsas de cooperación e solidariedade, de iniciación á investigación en atención primaria e para a asistencia ao congreso nacional da SEMG, dirixidas a alumnado dos últimos cursos, tanto do grao como da licenciatura en Medicina. Para o profesorado do centro, ofertaranse bolsas para a formación en simulación médica e a realización do ECOE. A Cátedra terá a súa sede na Facultade de Medicina da USC, tendo sido designado como director o vicedecano de Intercambios, Innovación Docente e Calidade da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Víctor Arce. En calquera caso, a dirección da Cátedra deberá ser consensuada coa SEMG e responderá a un perfil e prestixio profesional, técnico e científico recoñecido, correspondendo o seu nomeamento ao reitor da USC. O convenio terá unha duración inicial dun ano, renovable automaticamente por períodos sucesivos dun ano salvo denuncia dalgunha das partes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2012.