Pasar al contenido principal

O cuarto Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante debaterá sobre experiencias e innovación neste eido educativo

O VI Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante celebrarase este venres 14 e o sábado 15 co lema ‘Experiencia e Innovación’. O reitor Juan Casares presidirá ás 17.30 horas na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a xornada inaugural na que tamén está prevista a presenza do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, o director da Fundación SM, o decano da Facultade de Ciencias da Educación e o presidente do Comité Organizador. Nesta mesma sesión inaugural entregarase o Premio a Materiais Didácticos da Rede de Inmigración, Escola e Sociedade (Ries) a Concepción Varela Portela. O profesor da USC Agustín Godás Otero pronunciará o primeiro relatorio no que se abrirá unha reflexión arredor do rendemento educativo de alumnado de orixe inmigrante en España. Seguiralle unha táboa redonda sobre as posibilidades de desenvolver un proxecto social e intercultural dende os centros educativos e a sociedade civil que coordina Diana Priegue, da USC, e na intervirán o director do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Carlos Ferreiro; a presidenta de CONFAPA-Galicia, Helena Gómez; e o pedagogo do Concello de Vigo, Rafael Ojea. A educación artística no desenvolvemento intercultural da infancia será o tema do segundo relatorio plenario do seminario, que impartirá Mª Jesús Agra, da USC. Inmediatamente desenvolveranse cinco obradoiros sobre educación infantil e xestión da diversidade cultural; aprendizaxe cooperativa e calidade na atención educativa; materias e recursos para o ensino de segundas linguas; o cine como recurso de carácter intercultural; e competencia dixital e proxectos educativos interculturais. A sesión da tarde estará reservada ao contraste de experiencias e boas prácticas de atención educativa ao alumnado de orixe inmigrante nas escolas. Da conferencia de clausura encargarase o xefe do Departamento de Desenvolvemento Docente e Políticas Educativas da Unesco, Francesc Pedró, sobre políticas educativas en Europa e xestión da inmigración en España. O seguimento deste seminario ten o recoñecemento de 10 horas de formación para o profesorado ou como un crédito de libre configuración para as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación. O encontro está organizado polo grupo de investigación Esculca, a Rede Ries e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, coa colaboración da Consellaría de Cultura, Ecuación e Ordenación Universitaria, a EGAP e a Fundación SM.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2012.