Pasar al contenido principal

Preséntase na Escola Politécnica Superior de Lugo o Programa de Apoio ao Emprendemento Agroalimentario

A través desta iniciativa seleccionaranse as mellores ideas presentadas para acompañalas na súa posta marcha e no lanzamento dos seus produtos ou servizos

O venres 14 de decembro ás 12.30 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior terá lugar a presentación do Primeiro Programa de Apoio ao Emprendemento Agroalimentario convocado pola Fundación Juana de Vega. Para a presentación do programa, que busca apoiar técnica e economicamente as iniciativas emprendedoras agroalimentarias, contarase coa asistencia do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. O proxecto vai dirixido a emprendedores con proxectos de empresas de nova creación, de sucesión e recuperación de empresas e explotacións familiares e iniciativas cooperativas e de economía social agroalimentaria ou de posta en valor de activos rurais improdutivos; e en xeral, calquera proxecto individual ou colectivo de carácter innovador que poña en valor os produtos agroalimentarios galegos. O prazo de inscrición manterase aberto ata o 31 de xaneiro de 2013. A iniciativa pretende conseguir altos niveis de produtividade, competitividade e orientación ao mercado do sector agroalimentario mediante o fomento da cooperación, a diferenciación, a innovación e a calidade; e poñer en valor activos rurais improdutivos e facilitar a sucesión en empresas e explotacións agroalimentarias familiares de Galicia. Para este fin, seleccionaranse os emprendedores coas mellores iniciativas e proxectos de novas empresas agroalimentarias orixinais e capaces de xerar valor en gaido na súa contorna, axudarase a perfilar a súa idea de negocio e o seu perfil estratéxico e competitivo, proporcionaranse as ferramentas de coñecemento, información, análise e xestión para desenvolver a idea, acompañarase a empresa na súa posta en marcha e no lanzamento dos seus produtos ou servizos e ofrecerase asesoramento para a busca de financiamento, axudas e potenciais socios. Estrutura do programa O programa divídese en dúas partes; a primeira ten por obxectivo dotar o emprendedor da información e formación necesarias para definir o proxecto de empresa e trasladalo a un plan de negocio a través da reflexión e a avaliación co emprendedor acerca dos elementos básicos do proxecto, a análise da contorna, as foras competitivas do proxecto, a definición da estratexia competitiva, o plan comercial, o plan financeiro, o orzamento, o cadro de mando... A segunda parte ten como obxectivo o apoio e seguimento do emprendedor na fase implantación e saída ao mercado da súa empresa, ata conseguir os primeiros obxectivos do plan. Cuestións como a asistencia na tramitación de axudas, a asistencia nos primeiros pasos na execución dos distintos aspectos do plan, o reaxuste de obxectivos, a procura de posibles axudas operativas ou financeiras, o acompañemento no control orzamentario e do cadro de mando ou a asistencia xurídica forman parte desta fase.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2012.