Pasar al contenido principal

A Universidade premia por terceira vez a introdución da perspectiva de xénero na docencia e a investigación

Os grupos premiados posan con membros do equipo de dirección e do xurado dos premios
Os grupos premiados posan con membros do equipo de dirección e do xurado dos premios

Visibilizar as distintas iniciativas desenvolvidas no eido da docencia e a investigación a prol da perspectiva de xénero na USC é o obxectivo dos premios que convoca a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e que xa van pola terceira edición. A entrega dos galardóns tivo lugar na tarde deste xoves no Salón de Graos de San Xerome. Na modalidade de docencia concedeuse un primeiro premio, dotado con 1.000 euros, á proposta ‘Enfoques de xénero na materia Traballo Fin de Grado en Economía das áreas de Economía Aplicada e Historia Económica. Metodoloxía de traballo e resultados’ de Mª Pilar Freire Esparís e Nélida Lamelas Castellanos. No tocante á modalidade de investigación, o primeiro premio foi para a proposta ‘Feminización da Universidade. Carreira docente e usos do tempo. Dos patróns tradicionais á corresponsabilidade?’, de Mª Xosé Rodríguez Galdo, José Cordero Torrón, Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo, Mª Pilar Freire Esparís, Elisa Jato Seijas, Mª José Méndez Lois, Eduardo Pis Sánchez e Rosa Mª Regueiro Ferreira. O segundo, de 750 euros, recaeu no traballo de Marta Lois González e Isabel Diz Otero ‘ Conquistaron as mulleres o poder político?: unha análise da súa representación nas institucións autonómicas’; e o terceiro, con 500 euros, en ‘Mulleres coidadoras e depresión: unha intervención preventiva’ de Ángela J. Torres Iglesias, Vanessa Blanco Seoane, Olga Díaz Fernández, Elisabet Hermida García, Patricia Otero Otero e Fernando Lino Vázquez González. Na entrega de galardóns interviñeron a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego; a directora do ICE, como representante do xurado dos premios, Ana Mª Porto Castro; e a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Eva Aguayo Lorenzo. O peche púxoo Mario Diz, director do espazo de Cámara da USC, que deleitou aos asistentes cunha peza musical. O xurado O xurado desta terceira edición estivo presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e integrárono ademais a directora do ICE, Ana Mª Porto; o director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, Melchor Fernández; a secretaria da Facultade de Matemáticas, Josefina Ling; o decano de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira; a profesora Mª Pilar Cagiao; e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2012.