Pasar al contenido principal

Comeza o inverno

Logo dun outono chuvioso, con máis de 750 litros/m2 rexistrados en 67 xornadas na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, este venres 21 ás 12.12 horas comezará o inverno boreal. A estación prolongarase ata as 12.02 do 20 de marzo de 2013 ao longo de 88,99 días, o que a converte na de menor duración (89,85 días o outono; 92,75 a primavera e 93,65 o verán). O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste), ou sexa, será o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Porén, mentres que as mañás seguen minguando ata os primeiros días de xaneiro, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7. Isto débese, como explica o director do Observatorio da USC, José Ángel Docobo, a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro. O 2 de xaneiro terá lugar a mínima distancia Terra-Sol e dous días despois producirase o máximo da choiva de estrelas fugaces Cuadrántidas. Ademais, Mercurio vai estar nas mellores condicións de observación a simple vista logo do solpor en torno ao 16 de febreiro, e o día 8 do mesmo mes estará en conxunción con Marte no oeste. Haberá así mesmo conxuncións Xúpiter- Lúa a primeiras horas da noite nas datas 25-26 de decembro, 21-22 de xaneiro e 18-19 de febreiro. Durante a estación que agora comeza non haberá eclipses e os planetas que mellor poderán observarse serán Venus no albor, Xúpiter e Saturno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.12.2012.