Pasar al contenido principal

Especialistas internacionais debaten en Bioloxía sobre a conservación do patrimonio dende un enfoque interdisciplinario

O vicerreitor de Investigación (segundo pola dereita) presidiu a xornada inaugural. Foto: Alfonso-Servimav
O vicerreitor de Investigación (segundo pola dereita) presidiu a xornada inaugural. Foto: Alfonso-Servimav

Dende este martes e ata o próximo venres 5, a aula magna da Facultade de Bioloxía reúne a 150 especialistas en materia de conservación do patrimonio, a maioría dos ámbitos da química, bioloxía, física, xeoloxía e restauración. Será no Congreso Internacional sobre Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural, organizado polo grupo Massimo Lazzari do CIQUS da USC e coa colaboración dos profesores Antonio Martínez Cortizas e Felipe Criado Boado. O encontro, que se inaugurou este martes, comparte o mesmo obxectivo que levou á creación da Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural e que é o fomento da colaboración entre os axentes do sistema ciencia-tecnoloxía-empresa para facilitar a posta en común de ideas e experiencias que axuden á resolución de problemas e permitan a transferencia de tecnoloxía co obxectivo común de contribuír á conservación do patrimonio cultural. Para iso, contémplanse oito liñas de traballo relacionadas con avaliación e control ambiental; axentes e mecanismos de deterioro do patrimonio cultural, incluíndo o dos materiais modernos empregados na arte contemporánea; desenvolvemento de novas tecnoloxías non invasoras para a conservación; novos produtos e materiais; preservación do patrimonio industrial, rural e arqueolóxico; tecnoloxías de seguridade e sistemas de información xeográfica; importancia e valoración social do patrimonio cultural e políticas para a súa conservación. No congreso participan oito especialistas convidados de diferentes países (UK, Italia USA e España) que impartirán relatorios sobre algúns dos tópicos máis importantes relacionados coa ciencia e tecnoloxía do patrimonio. Ademais, haberá un cento de comunicacións orais de persoal investigador de máis de dez países e numerosas comunicacións póster.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2012.