Pasar al contenido principal

Unha análise proposta por un investigador da USC destacada na revista especializada do CERN

Diego Martínez e Xabier Cid son investigadores da Facultade de Física da USC
Diego Martínez e Xabier Cid son investigadores da Facultade de Física da USC

O CERN Courier, a revista especializada que publica o Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), salienta no seu último número os resultados obtidos por investigadores da Facultade de Física da USC dentro da colaboración LHCb, na que tamén participa o Grupo de Altas Enerxías de Santiago, na busca de nova física en desintegracións dunha partícula, o mesón K 0 S. Os físicos de LHCb, coordinados por Xabier Cid e Diego Martínez Santos que actualmente se atopa no CERN, buscaban desviacións na predicción da teoría que puidesen indicar a presenza de novos fenómenos na física das interaccións fundamentais. Os resultados que obteñen os investigadores indican que a taxa de desintegración é menor ca nove en mil millóns e non detectan ningún suceso deste tipo. Esta medida condiciona as teorías que poñen en cuestión ó Modelo Estándar mellorando nun factor trinta o resultado anterior e establece as bases para estudos máis detallados que se poderán facer acumulando estatística nos próximos anos. O anterior límite nesta medida, obtido por un grupo de 10 físicos entre os que se atopa o premio Nobel Jack Steinberger, tiña case 40 anos de antigüidade. A predición teórica do Modelo Estándar, a teoría máis completa de que se dispón e que postula a existencia do bosón de Higgs, é de que só cinco entre un billón destas partículas se desintegrarán nun par de muóns. O muón é unha partícula igual ao electrón pero duascentas sete veces máis pesada. Ademais de na revista do CERN, os resultados foron recollidos no coñecido blog Quantum Diaries e será enviado á revista científica Journal of High Energy Physics. Xabier Cid realiza a súa tese baixo a dirección dos profesores Bernardo Adeva e José Ángel Hernando. Como apunta os investigadores, a proposta ten ademais un punto de romántica. No ano 1970 tres físicos teóricos (Glashow, Ilioupolous e Maiani) postulaban a existencia do quark charm para explicar a discrepancia teórica coa medida da taxa de desintegración do mesón K 0 L en dous muons: K 0 L→μ +μ –. O mesón K 0 L está íntimamente relacionado co K 0 S a través da interacción feble, a mesma que regula as reaccións nucleares que teñen lugar no sol. A predición era confirmada uns anos máis tarde, en 1974, co descubremento do J/psi, unha partícula formada por un quark co seu correspondente anti-quark. A interferencia indirecta de partículas non descubertas é posible grazas aos efectos da física cuántica. Estes fenómenos permiten explorar escalas de enerxía tipicamente dez veces superiores ós que nos dan os aceleradores máis potentes.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2012.