Pasar al contenido principal

Un encontro na EPS de Lugo achega ao alumnado a experiencia dos enxeñeiros da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao

Unha das conferencias sobre obras de construción na Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao desenvolvidas na Escola Politécnica superior de Lugo
Unha das conferencias sobre obras de construción na Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao desenvolvidas na Escola Politécnica superior de Lugo

O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior foi a sede na que se desenvolveu a segunda sesión do ciclo de conferencias sobre execución de obras portuarias, dirixidas aos alumnos do Grao en Enxeñería Civil deste centro do Campus de Lugo. Nesta sesión (así como na anterior na anterior, celebrada o martes 11), os alumnos e os profesores da titulación tiveron ocasión de aprender da experiencia profesional no ámbito da enxeñería portuaria da man de varios técnicos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (APFSC): Alejandro Rey, xefe do Departamento de Investimentos e Planificación; Jesús Busto, xefe da División de Infraestruturas; e Jorge González, xefe da División de Planificación e Infraestruturas Telemáticas. Durante as conferencias, organizadas conxuntamente polo Grupo de Investigación en Enxeñería Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA) coordinado polo profesor Alberte Castro Ponte e o Departamento de Enxeñaría Agroforestal dirixido polo profesor Ramón Velo Sabín, os técnicos da Autoridade Portuaria expuxeron a súa experiencia na execución de obras marítimas: dragados, diques, peiraos, pantaláns, así como obras de diversa índole (actuacións sobre patrimonio, faros, balizas etc.). Nas súas exposición, os responsables portuarios quixeron lembrar o apoio financeiro que, tanto dende a UE como desde o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (Plan Reindus) recibiron nos últimos anos para o desenvolvemento dos seus plans de investimento e, máis especificamente, para a construción do Porto Exterior de Ferrol nas fases I e II, así como para as conexións exteriores e dotación de servizos para esta instalación, para o dragado da canle de entrada ao porto interior de Ferrol e para a mellora e transformación das instalacións do porto interior ferrolán para atender os tráficos de Short Sea Shipping.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.12.2012.