Pasar al contenido principal

Unha investigadora da USC recupera unha especie en extinción da flora mediterránea

Detalle da planta
Detalle da planta
É un traballo realizado mediante cultivo in vitro

A profesora María Luz González Caamaño, directora do grupo de Biotecnoloxía e Conservación da flora ameazada e actual decana da Facultade de Bioloxía conseguiu, mediante cultivo in vitro, a recuperación dunha especie ameazada da flora mediterránea, en perigo de extinción. Trátase dunha especie do xénero Jasione que se atopa practicamente extinta e da que so existen dous exemplares na natureza. Foi un traballo que comezou o pasado mes de marzo e que se realizou en colaboración entre a USC e a Universidade Autónoma de Barcelona.

Este taxon, aínda sen clasificar, propagouse in vitro no laboratorio da USC e neste mes de agosto xa se conta, con máis de 50 individuos ou plantas, que serán estudadas para determinar o número de cromosomas da especie, e poder clasificala e darlle nome. Os resultados deste traballo de investigación, no que tamén colaboran Miguel Serrano da Facultade de Farmacia de Santiago e o profesor de Botánica da UAB, Llorenç Sáez Gonyalons, serán presentados no próximo V Congreso de Bioloxía de la Conservación das Plantas que se celebrará a finais do vindeiro mes de setembro en Menorca.

Esta colaboración en materia de investigación entre as dous Universidades foi unha demanda específica por parte do investigador Llorenç Sáez Gonyalons, da UAB, que se produce no campo da investigación aplicada en particular, e oriéntase á conservación da biodiversidade e a recuperación das especies vexetais en perigo de extinción, tema no que está especializado o grupo de Biotecnoloxía aplicada á conservación da flora ameazada, que dirixe a profesora González Caamaño dende hai unha década e que xa ten recuperado e conservado, mediante cultivo in vitro, encapsulación ou crioconservación, varios taxons clasificados como en perigo de extinción, pertencentes a flora ameazada de Galicia, como é Centaurea ultreiae, Centaurea borjae, Crepis novoana, que figuran no Libro Vermello da Flora ameazada, ou Spalchnum ampullaceum, como especie de musgo en perigo que figura no Libro Vermello da flora briofítica Europea. Os resultados dos traballos de conservación foron publicados en revistas internacionais de prestixio.

A conservación ex situ é o único método co que se pode garantir a conservación da diversidade xenética dunha especie de maneira mais rápida freando así a grave erosión xenética que presentan moitos dos endemismos vexetais. Tamén figura a conservación ex situ con técnicas biotecnolóxicas entre os obxectivos da Estratexia Europea da Conservación da Flora desenvolvida por Planta Europa (asociación europea encamiñada á conservación da flora autóctona do continente).

A recuperación foi posible mediante o cultivo in vitro Detalle das mostras enviadas para a aplicación das técnicas de cultivo in vitro

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.08.2011.