Pasar al contenido principal

O reitor entregou os II Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC

O reitor entregou os II Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC
O reitor entregou os II Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC

A introdución da perspectiva de xénero no ensino da econometría na USC e a representación da prostitución nos medios de comunicación galegos son os dous traballos que se alzaron co primeiro posto, nas súas respectivas modalidades, do II Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC. O reitor da USC, Juan Casares, presidiu o acto de entrega dos galardóns nunha sesión no Colexio de San Xerome ao que tamén asistiron a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, Carmen Orgeira; e a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo Valdés. No primeiro caso ‘Introdución á perspectiva de xénero no ensino da econometría na USC, correspondente á modalidade de Docencia, asinan o traballo premiado con 1.500 euros Eva Aguayo, Ana Iglesias e Carmen López, profesoras do Departamento de Economía Cuantitativa. Nesta modalidade, lograron o segundo premio, dotado con 1.000 euros, Pilar Arias e Montserrat Nogueira polo traballo ‘ Mulleres Nobel en Fisioloxía e Medicina. Unha visión non sexista da ciencia’. O terceiro premio, cunha achega de 500 euros, foi para Ignacio J. Díaz-Maroto pola proposta ‘Igualdade de Oportunidades de participación nos diferentes chanzos da carreira científica’. Na modalidade de Investigación, o equipo responsable do proxecto ‘A prostitución nos medios de comunicación galegos’, galardoado co primeiro premio e 1.500 euros, intégrano o profesores Luís Álvarez Pousa e Ana Belén Puña, Olga Castro e Iván Cuevas. O segundo premio, dotado con 1.000 euros, foi para ‘Socialización en función do xénero, medio de comunicación e violencia contra as mulleres. Unha análise sociolóxica’, do que son responsables Rita Radl, Ana Mª Porto, Mª José Agra, Mª García Añón, Jorge García, Marta Poncet, Mª Begoña Gómez e Carolina García. Finalmente, o terceiro posto recaeu na proposta ‘Desenvolvemento dunha cultura amigable coa familia’, da que son autoras Adolfo Carballo, Mª Dolores Álvarez e María Bastida. O xurado encargado avaliar os proxectos presentados á convocatoria presidiuno a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e integrábano ademais a director do CEA, Mª José Rodríguez Galdo; o director do ICE, José Cajide; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Pereira; a catedrática Mª Patrocinio Morrondo; a profesora Montserrat Villarino; e coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Trinidad de Miguel, esta última en calidade de secretaria. Bases do premio O ‘Premio á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación’ alcanza a súa segunda edición coa finalidade de fomentar a calidade e a innovación educativa incluíndo a perspectiva de xénero na actividade cotiá dos centros, institutos e departamentos da institución docente compostelá. Á convocatoria podíanse presentar experiencias educativas innovadoras relativas á inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC, realizadas nos últimos tres anos, e que supoñan algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior. Esta experiencia debía incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na Universidade, facendo unha breve valoración dos beneficios reportados. A segunda modalidade de participación reservouse aos traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos sobre relacións e roles de xénero dende o punto de vista educativo, psicolóxico, social, histórico, lingüístico, filosófico, biolóxico, sanitario, xurídico,... Tamén podían concorrer traballos de calquera ámbito de coñecemento que incluísen a perspectiva de xénero na formulación de hipóteses, deseño de proxectos, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación dos resultados obtidos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2011.