Pasar al contenido principal

Un equipo que lidera Jorge Mira e a investigadora Cristina Eimil, galardoados cos Premios de Investigación 2011 da Real Academia Galega de Ciencias

Un equipo que lidera Jorge Mira e a investigadora Cristina Eimil, galardoados cos Premios de Investigación 2011 da Real Academia Galega de Ciencias
Un equipo que lidera Jorge Mira e a investigadora Cristina Eimil, galardoados cos Premios de Investigación 2011 da Real Academia Galega de Ciencias

Un equipo de investigación da USC liderado polo profesor Jorge Mira e a investigadora da Escola Politécnica Superior de Lugo Cristina Eimil Fraga resultaron galardoados cos Premios de Investigación 2011 da Real Academia Galega de Ciencias. O Premio de Investigación –que recaeu en Francisco Padilla e Jesús Horacio Hernández, da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña por un proxecto de simulación do proceso de inundación da lagoa artificial de Meirama- contemplou nesta ocasión unha mención honorífica para o traballo interdisciplinar de catro investigadores sobre a evolución do bilingüismo en Galicia, cunha proxección a longo prazo por áreas xeográficas. O equipo encabezado polo catedrático Jorge Mira, do Departamento de Física Aplicada da USC, conclúe que en 2025 a metade da poboación de Galicia será bilingüe, algo máis do 30% monolingües en castelán e o 15% restante galegofalantes en exclusiva. Segundo os seus autores esta investigación corrobora as teses do Consello da Cultura Galega sobre a desaceleración na perda de falantes de galego e desminte a hipótese da morte da lingua nun futuro próximo. Ademais de Mira, asinan o traballo o bolseiro da Fundación Barrié no Bernstein Center for Computacional Neuroscience de Berlín, Luís Francisco Seoane; o investigador do Consello da Cultura Galega Håkan Casares; e o académico da Real Academia Galega Xosé Enrique Monteagudo. Os investigadores desenvolveron un modelo matemático para comparar a situación das linguas galega e castelá nas diferentes comarcas de Galicia baseado na división da poboación en tres grupos -monolingües habituais en galego, monolingües habituais en castelán e bilingües- e no potencial de cada grupo para captar novos membros. As ecuacións permiten tamén estimar a evolución futura do número de falantes de cada tipo. A análise por áreas xeográficas tradúcese nun mosaico de micro-hábitats sociolingüísticos, entre os que os autores distinguen catro tipos: un que tenderá á predominancia do monolingüismo en castelán (no que se atopan as cidades de Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra), dous que evolucionarán cara á predominancia do bilingüismo (Santiago, Ourense, Lugo e núcleos máis pequenos coma Ribeira, Noia, O Carballiño, Ribadavia, Burela, Ribadeo, Chantada e Monforte) e un cuarto no que se manterá a predominancia do monolingüismo en galego (Arzúa, Ordes, Fisterra-Soneira, Deza-Tabeiros e Terra de Montes, Alta e Baixa Limia, entre outros). Premio Novos Investigadores O traballo merecedor do Premio de Promoción de Novos Investigadores para menores de 28 anos conclúe que a maior parte das plantacións de piñeiro de Galicia, mesmo as localizadas en terreos agrícolas, teñen deficiencias nalgún nutrinte e recomenda a fertilización para mellorar a produtividade. A autora do traballo é Cristina Eimil Fraga, investigadora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC). Este estudo levouse a cabo en 31 parcelas de Pinus pinaster localizadas en diversos puntos das catro provincias galegas. O piñeiro é unha das especies arbóreas máis importantes en España, tanto pola superficie que ocupa (1,7 millóns de hectáreas) como pola produción de madeira. As plantacións de piñeiro atlántico no noroeste de España caracterízanse por un crecemento rápido e, polo tanto, mostran un potencial produtivo importante. O estudo do estado nutricional proporciona información sobre a evolución futura das plantacións debido a que os nutrintes afectan á resistencia ao estres e ás enfermidades, do que se deriva que a escaseza de nutrintes pode limitar a produción forestal. En Galicia, os solos caracterízase por ser moi lavados (a causa das precipitacións), altamente acedos e con baixa concentración de Calcio, Magnesio, Potasio e Fósforo, todos eles moi importantes para o piñeiro. Por este motivo, a investigadora da Universidade de Santiago recomenda a aplicación de fertilizantes para corrixir a baixa produtividade asociada a estas deficiencias. Os premios, que nesta edición cumpren o seu vixésimo primeiro aniversario, serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 15 de decembro no edificio da RAGC, en Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2011.