Pasar al contenido principal

Unha tese na Facultade de Ciencias estuda a eficacia dos guantes de uso sanitario

Santiago Díaz de Freijo López obtivo a máxima cualificación, sobresaliente cum laude, pola súa tese ‘Estudos de absorción en guantes de uso sanitario’, na que conclúe advertindo sobre “a potencial perigosidade que poderían ter estes guantes, dada a existencia de poros de tamaños superior a un virus”, no caso de determinados materiais como o vinilo ou o nitrilo. A dirección desta investigación correspondeulle aos profesores Francisco Fraga López, José Manuel Martínez Ageitos e Eugenio Rodríguez Núñez. O traballo desenvolvido por Díaz de Freijo López é un estudo de investigación básica no eido da prevención de riscos laborais que tiña por obxectivo o estudo das propiedades físicoquímicas dos guantes máis utilizados no ámbito sanitario. A liña xorde pola inexistencia dunha norma UNE relativa aos guantes no ámbito sanitario e a súa permeabilidade fronte virus e bacterias. Neste senso, as investigación desenvolvidas apuntan que nos guantes de vinilo e nitrilo, máis que nos de látex ou neopreno, cando o suor da persoa que os usa se deposita nos poros, estes poden incrementar o seu tamaño “perdendo a súa capacidade protectora fronte os virus”. No caso dos profesionais da saúde que habitualmente utilizan estes guantes, os responsables desta liña de investigación aconsellan cambialos cada dúas horas, por exemplo no caso de cirurxiáns en intervencións de maior duración. Para o estudo, o investigador traballou sobre o guantes, tanto de exploración como de cirurxía, procedentes do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo. Baixo a presidencia do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Juan Gestal Otero, integraban o tribunal encargado de xulgar esta tese a profesora Mª Victoria Roux, do Instituto de Química-Física Rocasolano do CSIC; e os profesores Pedro Areces, da Universidade de Minho; José Luis Legido, da Universidade de Vigo; e José Blanco, da USC, este último como secretario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2011.