Pasar al contenido principal

Nace a Rede Española Matemática-Industria

De esquerda á dereita: José María Barja; Ramón Ordás; María Asunción Longo; Peregrina Quintela; Luis Cueto; Juan Casares e Javier García
De esquerda á dereita: José María Barja; Ramón Ordás; María Asunción Longo; Peregrina Quintela; Luis Cueto; Juan Casares e Javier García

Trinta grupos de investigación de dezanove universidades españolas conforman dende hoxe a Rede Española Matemática-Industria, que se acaba de constituír en Santiago co fin de incrementar a utilización dos métodos e técnicas matemáticas no sector produtivo, como xa vén pasando coa estatística ou o deseño e a enxeñaría asistidos por ordenador. O acto formal de constitución da Rede desenvolveuse no Edificio Fundación Empresa-Universidade Galega, en Compostela, coa participación dos reitores das Universidades de Santiago e A Coruña, Juan Casares e José María Barja, respectivamente; da vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo; do director xerente da Fundación CESGA, Javier García; do subdirector xeral de Fomento da Innovación Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Luis Cueto; da presidenta da Rede, a catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela, que explicou os seus principais obxectivos e expectativas; e do conselleiro delegado de FerroSolar, Ramón Ordás, que mostrou o punto de vista da industria. Asistiron ademais os presidentes da Real Sociedade Matemática Española e da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa, membros da Sociedade Española de Matemática Aplicada, investigadores, representantes das universidades integrantes da Rede e dos gobernos das Comunidades Autónomas ás que pertencen, así como responsables das empresas e centros tecnolóxicos colaboradores. Dos trinta grupos de investigación, cinco pertencen á Universidade de Santiago: os de Ecuacións diferenciais non lineais; de Enxeñaría matemática; de Modelización estatística e aplicacións; de Modelos matemáticos e simulación numérica en mecánica de sólidos; e o grupo interdisciplinar de estatística, computación, medicina e bioloxía. A Rede márcase unha serie de metas a cumprir no prazo de tres anos como son acadar 100 proxectos competitivos ou contratos directos con empresas, impartir 25 cursos de formación, publicar 25 artigos ou tese no marco de proxectos ou contratos co sector produtivo, obter dez inscricións no Rexistro de Propiedade Intelectual e solicitude de patentes, cerar cinco empresas de base tecnolóxica e difundir entre 900 entidades as capacidades da rede. Galicia, líder Que a Rede se presente en Galicia non é algo circunstancial. Os nove grupos de investigacións galegos xunto co Cesga xogaron un papel especialmente relevante na plataforma Consulting do proxecto i-Math, centrada no fomento da transferencia de tecnoloxía matemática á industria. Cómpre sinalar que o 58,5% dos contratos con empresas e o 31% dos proxectos de investigación competitivos realizáronos grupos galegos, o que sitúa a esta Comunidade Autónoma como líder no ámbito da matemática industrial. Transferencia de coñecemento Nestes últimos catorce anos os grupos de investigación vinculados á transferencia de tecnoloxía matemática asinaron máis de 400 contratos directos con empresas -que permitiron á universidade obter un financiamento de preto de 10 millóns de euros- e desenvolveron 111 paquetes de software propio, dos que o 40% foi transferido á industria. Ademais, segundo datos da Enquisa de Oferta Tecnolóxica por Grupos ou Entidades de Investigación realizada no marco do proxecto i-MATH, estes equipos teñen unha ampla experiencia en transferencia a diversos sectores. Algúns exemplos son a mellora na protección de datos nas administracións públicas, simulación de movementos de viaxeiros nos aeroportos, sistemas de control de ruído e vibracións en vehículos, estudos sobre eficacia de tratamentos, etc. Continuación do Consolider Ingenio Mathematica A Rede nace como unha evolución do proxecto Consolider Ingenio Mathemática (i-MATH)1 que permitiu un importante labor de difusión, información e establecemento de relacións entre a universidade e a empresa e do que xurdiron numerosas colaboracións e contratos entre os grupos de investigación e a industria, que se verán incrementados nos próximos anos. O marco de actuación deste proxecto remata en abril de 2012, e de aí a creación desta rede, que permitirá dar continuidade á actividade. O acto contou con numerosas autoridades académicas e políticas

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2011.