Aprobado o calendario académico para o curso 2011-2012
O curso académico 2011-2012 desenvolverase entre o 1 de setembro de 2011 e o 31 de xullo de 2012 para as titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior e entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012 para o resto. Así se recolle no calendario académico para o vindeiro curso que aprobou este mércores 23 o Consello de Goberno da USC. O período electivo para graos e posgraos contempla un primeiro cuadrimestre que se estenderán do 12 de setembro de 2011 ao 26 de xaneiro de 2012 e o segundo que se iniciará o 30 de xaneiro e rematará o 8 de xuño. Cando estea previsto a realización de probas de avaliación, o estudantado terá dereito a dúas oportunidades. Segundo o calendario aprobado, as probas deberán realizarse do 16 de xaneiro ao 26 de xaneiro, no primeiro cuadrimestre, e do 28 de maio ao 8 de xuño, no segundo. Na convocatoria de xullo, o período para a realización de probas concentrarase entre o 2 e o 14 de xullo. Para as titulacións non adaptadas ao EEES, o curso comezará o 1 de outubro de 2011 e desenvolverase ata o 30 de setembro de 2012, co primeiro cuadrimestre comprendido entre o 3 de outubro e o 26 de xaneiro e o segundo entre o 23 de febreiro e o 8 de xuño. Os exames deberán celebrarase entre o 30 de xaneiro e o 21 de febreiro e entre o 11 e o 30 de xuño, coa segunda convocatoria no período que se estende entre o 3 e o 18 de setembro. Con carácter común, non será lectivo o mes de agosto, interrompendo a docencia dende o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro, os días 20 e 21 de febreiro e dende o luns 2 de abril ata o sábado 7 de abril, ambos os dous incluídos. Acceso a maiores de 40 anos O Consello de Goberno tamén aprobou o regulamento de acceso e admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao para as persoas maiores de 40 anos que acrediten experiencia profesional ou laboral e non estean en posesión dun título académica habilitante. Unha vez determinado o número de prazas a convocar por esta cota, a USC realizará unha convocatoria anual, a partir do vindeiro curso académico, para o acceso por esta vía, establecendo o modelo e prazos de solicitude, documentación e calquera outro requisito necesario. Para a selección de admisión, avaliarase a experiencia laboral e profesional considerándoa en dúas fases, a de valoración da experiencia e currículo e a de entrevista. Institutos de investigación O órgano colexiado –que continúa a xuntanza pola tarde- trata nesta xuntanza ademais unha informe no que se analiza a situación dos Institutos Universitarios de Investigación da USC. Entendidos na Lei Orgánica de Universidades como centros dedicados fundamentalmente á investigación científica e técnica ou á creación artística, a institución académica compostelá conta con 17 institutos universitarios de investigación, dos que 13 son propios e os catro restantes de carácter mixto constituídos con distintos organismos tanto públicos como privados, abranguendo todas as grandes áreas de coñecemento. Segundo pon de manifesto o informe, a Universidade traballará na actualización do Plan de Promoción das Actividades dos institutos como ferramenta válida para conseguir unha mellora no cumprimento dos seus obxectivos como centros de investigación. O obxectivo será incrementar a visibilidade dos institutos tanto na propia universidade como nos ámbitos autonómico, nacional e internacional. Outros asuntos O Consello de Goberno debate ademais a integración da Facultade de Ciencias da Comunicación na Asociación de Universidades con Estudos de Comunicación e a transformación da Escola Universitaria de Óptica e Optometría en facultade. Na xuntanza examínanse tamén os cursos de posgrao propio; a prórroga como investigador Ad Honorem a Emilio Rolán Mosquera, do Museo de Historia Natural da USC; a memoria do grao en Xestión de PEMES da USC; a modificación e regulamento de másteres; a designación dun membro do comité de Avalación Docente da área de Ciencias Experimentais; e o nomeamento do director do departamento de Lingua Española.