Pasar al contenido principal

Uniemprende dedica unha mesa redonda ás mulleres emprendedoras na Semana do Emprendemento de Lugo

O programa Uniemprende Lugo da USC organiza para este martes 22 de marzo unha mesa redonda baixo o título ‘Emprendendo en feminino’ dentro da Semana do Emprendemento que a Rede Mercurio celebrará en Lugo do 21 ao 25 de marzo. Este debate a catro bandas contará coa participación da directora de Woman- Emprende, Eva López; unha das socias fundadoras da empresa Neoker, Carmen Cerecedo; a vicepresidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Pilar García; e a socia fundadora de Galebook, María José Prol.

A mesa redonda, dirixida ao público en xeral, celebrarase na Facultade de Administración e Dirección de Empresas no Campus de Lugo ás 12:00 horas encamiñada a fomentar a creación de empresas por parte de mulleres. Para isto, as empresarias que protagonizarán a actividade falarán dende as experiencias dos seus negocios e dos seus colectivos. No acto de apertura estarán presentes o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Luis Gago; a vicerreitora adxunta de Estudos de Grao e Posgrao, María Isable González Rey; a presidenta da asociación de empresarias de Lugo, Beatriz Varela; e a concelleira de Economía de Lugo, Sonia Méndez.

A Semana do Emprendemento contará con diversas iniciativas como almorzos de emprendedores, mesas de debate, conferencias ou presentación de proxectos a cargo das diferentes entidades e administracións que integran a Rede Mercurio como son a USC, o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, A Confederación de Empresarios Lucenses, A Cámara de Comercio ou a Asociación de Empresarios do Ceao, entre outras. Un dos obxectivos da Rede é o de fomentar a creación de iniciativas empresariais a través das novas tecnoloxías, o coñecemento e a innovación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2011.