Tres mulleres achegan este mércores as súas experiencias á USC como exemplos de impulso ao rural
Exemplos de mulleres que apostan polo medio rural centrarán o foco de atención este mércores 23 de marzo nunha nova táboa redonda que se desenvolverá na Facultade de Veterinaria dentro das xa iniciadas ‘Xornadas sobre Lingua, Muller e Dinámica Social’ impulsadas polas Comisións de Normalización Lingüística (CNL) dos centros do Campus de Lugo. Neste debate participarán a veterinaria clínica Roser Cervera, a empresaria rural da Cooperativa Ribeira do Navia, Ingeborg Rossel, e a empresaria de turismo rural e estudante de veterinaria, Ana Castro. Este encontro desenvolverase de 17:00 a 19:00 horas.
Tendo en conta a orientación formativa do Campus de Lugo en relación ao Medio Rural, as Comisións de Normalización Lingüística (CNL) das facultades de Humanidades, Veterinaria e de Formación do Profesorado e da Escola Politécnica Superior impulsan por segunda vez as xornadas ‘ Achegándonos ao Medio Rural’ que desta volta están a ter como eixo central o trinomio lingua, muller e medio rural.
As mesas redondas que completarán o ciclo terán lugar, ademais da deste mércores, os días 30 de marzo e o 6 e o 14 de abril en diferentes emprazamentos universitarios de Lugo. Cada un dos debates fixarase arredor de experiencias de mulleres que apostaron polo rural en relación aos centros e á difusión dos usos lingüísticos. O 30 de marzo será a Escola Politécnica Superior a sede dunha táboa redonda baixo o título ‘Mulleres para un mundo rural vivo’. Nesa ocasión, os exemplos achegaranos a técnica de aconsellamento de explotacións Iria Villar; a xefa dunha explotación hortícola de Vila de Cruces, Pilar Vispo; e unha gandeira vinculada a ACRUGA, Teresa Sanjurjo. Entre as finalidades que perseguen dende as CNL do Campus de Lugo con estas xornadas está o obxectivo de dar a coñecer o papel das mulleres na transmisión dos recursos lingüísticos en función do contexto galego. Por outra banda, preténdese pór de manifesto a permeabilidade das dinámicas entre rural-urbano e local-global dende o punto de vista da función social das mulleres, así como difundir experiencias profesionais de mulleres que teñen como base o uso da lingua galega, e achegar a realidade das mulleres do rural á comunidade universitaria e ao público en xeral. Estas xornadas foron organizadas por primeira vez dende a CNL da Facultade de Veterinaria. Polo tanto trátase dunha segunda edición enfocada desta volta ás mulleres e á lingua dentro do ámbito do rural. A actividade arrancou o pasado 16 de marzo na Casa do Saber e foi inaugurada polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e polo Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao. A xornada inaugural versou sobre o papel das mulleres nas dinámicas de substitución ou de mantemento da lingua, conferencia que estivo a cargo de Goretti Sanmartín Rei, da Universidade da Coruña. Momento da conferencia inaugural na que se falou sobre o papel das mulleres nas dinámicas de mantemento da lingua