Novo curso de etoloxía canina como complemento formativo de cara ao futuro laboral dos alumnos de Veterinaria
A Facultade de Veterinaria levará a cabo entre o 28 de marzo e o 23 de maio un novo curso de Etoloxía Aplicada na área referida aos cans. A actividade, que naceu como un complemento á formación recibida durante a carreira de Veterinaria realízase nunha nova colaboración coa residencia de mascotas Garatuxa, que presta o seu apoio á Facultade en varias iniciativas prácticas.
A responsable académica do curso, Maria Luisa San Juan Hernán- Pérez, do departamento de Patoloxía Animal da USC, indicou que esta actividade se repite debido á inquedanza manifestada en numerosas ocasións por parte dos alumnos estando pensada para darlles a posibilidade de adquirir coñecementos sobre adestramento. Coñecer o comportamento dos animais para poder tratalos nas súas patoloxías ao tempo que estar en condicións de asesorar e aconsellar aos futuros clientes de cara ao coñecemento dos seus animais é a finalidade desta iniciativa formativa. O curso, que tamén está aberto a profesionais do ámbito relacionado cos animais, susténtase no obxectivo de proporcionar ao alumno máis ferramentas para desempeñar a súa futura tarefa profesional e dotalo dunha base de coñecementos á hora de enfrontarse con determinadas situacións, introducíndoo a especialización sobre este campo. Contidos O curso, cuxo prazo de matrícula está aberto, será impartido polo instrutor da Real Sociedade Canina de España, Enrique Pena Lourido e por Marta Méndez García e Roberto Reguera, ambos responsables da residencia de mascotas Garatuxa. As clases teóricas terán lugar en Veterinaria, e achegaranse a contidos como é a historia do can e os seus condicionantes para introducirse nas bases do comportamento canino, as técnicas de modificación da conduta e os sistemas de educación, profundando en aspectos como o estado mental ou emocional do can ou a súa intelixencia. O estudo sobre as alteracións de conduta e as agresións completan o curso de etoloxía canina con aspectos concretos que protagonizan situacións habituais na vida laboral destes profesionais.