Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación acollerá a vindeira semana o XIII congreso da Asociación Española de Historiadores do Cine

As persoas interesadas en participar como asistentes dispoñen ata o luns 7 para formalizar a inscrición

Especialistas chegados de toda España e doutros países como Francia, Holanda ou México, ata un máximo de 300 asistentes, asistirán a ‘Aurora e melancolía. O cine español durante a II República (1931-1939)’, título do décimo terceiro congreso da Asociación Española de Historiadores do Cine (Aehc). O simposio terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago do 10 ao 12 de marzo vindeiros baixo o patrocinio da USC. De feito, a catedrática da universidade compostelá Margaria Ledo é a responsable do comité organizador, mentres que a presidencia do congreso recae no director e produtor Eduardo Ducay. O prazo para a inscrición de asistentes está aberto ata o luns 7 de marzo, sendo a matrícula de balde para os alumnos procedentes das tres universidades galegas. Porén, o período de recepción dos textos pechouse o pasado 10 de xaneiro e está previsto que o vindeiro 28 de febreiro se coñeza o programa definitivo do congreso. Respecto á temática seleccionada para estas xornadas, o presidente da Asociación Española de Historiadores de Cine, Julio Pérez Perucha, sinala que “ o cine que se produce no período comprendido entre os anos 1931 e 1938 aparece como unha experiencia chea de fugaces singularidades”. Dáse ademais a circunstancia de que a celebración deste décimo terceiro congreso coincide coa conmemoración durante este ano do oitenta aniversario da II República, “polo que era de obrigado cumprimento que se sometera a consideración este período” explica o responsable da Aehc na web do congreso: http://www.estudosaudiovisuais.org/congreso-aehc. O programa inclúe, ademais dos relatorios e comunicacións presentadas, outras actividades paralelas, entre as que cabe salientar a concesión das Medallas de Ouro que cada ano concede a asociación de historiadores a destacadas personalidades do cine español.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2011.