O reitor da Universidade, Juan Casares, expresa o seu pesar polo falecemento de Jesus García Calvo
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long expresou o seu pesar polo falecemento de Jesús García Calvo, o segundo presidente do Consello Social da USC, dende 1997 a 2003. Foi Rexistrador da Propiedade e era presidente de Honor e fundador da Sociedade Cooperativa Galega Feiraco.
García Calvo incorporase á presidencia da Consello Social da Universidade despois do mandato do primeiro presidente, Emilio Pérez Nieto (1987-1997). Foi substituído por Manuela López Besteiro, en 2003, e dende 2006 é presidente deste órgano de goberno da Universidade, Manuel Puga Pereiro.
O reitor lembrou o traballo de Jesús García Calvo no Consello Social da Universidade de Santiago, institución na que tamén se formou, na facultade de Dereito, na promoción de 1944, e valora “moi positivamente” a actividade realizada por “un home verdadeiramente comprometido cos obxectivos do Consello Social, órgano que ten encomendadas as relacións entre a Universidade e a sociedade, á que se debe”.
O seu enterro, será esta tarde, ás cinco horas, no cemiterio parroquial da localidade onde naceu en 1921, Logrosa, no concello de Negreira, e o funeral terá lugar maña, luns 14, ás 19 horas na Igrexa da mesma parroquia.