Pasar al contenido principal

Traballan no estudo das propiedades físicas da madeira procedente de claras

O profesor Guillermo Riesco no laboratorio da EPS de Lugo
O profesor Guillermo Riesco no laboratorio da EPS de Lugo
Os diferentes traballos céntranse no estudo de especies de árbores existentes en Galicia con valor comercial

Un grupo de investigadores da Escola Politécnica Superior de Lugo traballa no estudo das propiedades físicas da madeira procedente de claras en diferentes proxectos vinculados á Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC. O contacto da Universidade co sector forestal é permanente grazas á demanda de estudos nesta área por parte de empresas e institucións.

A partir das claras, que son as cortas de árbores novos e de pequenas dimensións que se eliminan da masa forestal para favorecer o crecemento do resto das árbores que permanece en pé, pódense tirar interesantes resultados. A madeira que se extrae do monte ao efectuar claras ten, segundo sinala o profesor e investigador Guillermo Riesco, un importante valor comercial e emprégase na industria, de aí o interese desta en coñecer as súas propiedades para darlle o mellor destino tecnolóxico. Dende a UXFS estúdanse, a raíz de diferentes encargos tanto da empresa privada como da administración autonómica, especies forestais que medran en Galicia e que contan con espazo no mercado da madeira. A investigación en materia de claras centrouse nos últimos anos e de xeito maioritario no piñeiro, o carballo, o eucalipto ou o castiñeiro. As análises que se están levando a cabo actualmente dende este grupo concéntranse agora no piñeiro de Oregón, o carballo e o bidueiro, contando con axudas de empresas do sector da madeira, a Xunta e a propia USC. Encargos empresariais Un dos exemplos deste tipo de estudos foi o realizado a raíz do encargo de fabricantes de taboleiros para caracterizar os tipos de madeira que utilizan como materia prima co fin de coñecer a cantidade de madeira útil (fibra de madeira) que permanecer no momento final para destinar a ese uso industrial, despois de restar a masa non utilizable. Este estudo aplicouse para diversas especies de piñeiro e eucalipto e tamén en especies frondosas caducifolias coma o bidueiro, o aliso, o carballo e o castiñeiro. Outra das propiedades analizadas a través da investigación co material de claras foi a do poder calorífico destes tipos de madeiras para poder analizar o seu rendemento enerxético e estudar o aproveitamento de materias coma os residuos da madeira. Neste caso, o estudo tería demostrado unha similitude do poder calorífico destas especies, pero importantes diferenzas noutras propiedades como a estabilidade dimensional. Colaboración co CIS Madeira Este grupo da USC tamén figura como asesor nos resultados dun estudo de calidade da madeira de piñeiro pinaster, unha das variedades mais importantes da comunidade galega, levado a cabo polo CIS Madeira. A grandes trazos, estes resultados demostrarían variacións nas propiedades e polo tanto na calidade da madeira desta especie en función de factores como a área xeográfica, as circunstancias de crecemento (como a distancia á que medran uns árbores doutros) e a influenza climática; unhas variacións que o estudo pretende cuantificar. Modelo matemático Outro exemplo máis da continuidade e éxito destas investigacións fora a publicación dun traballo do grupo investigador nunha revista científica de impacto. Neste estudo, o grupo de Riesco propoñía un modelo matemático co que sería posible predicir, cunha precisión razoable, a densidade e o grao de concentración da madeira dunha árbore en función da súa idade e da anchura nos aneis de crecemento. Este resultado centrábase nunha investigación sobre o piñeiro silvestre na madeira procedente de claras. Todos os ensaios de claras realizados dende a Politécnica, un traballo de investigación de moitos anos e a través de diferentes proxectos, realízanse en gran medida nunha rede de parcelas de varias especies arbóreas distribuídas por toda a comunidade autónoma. Guillermo Riesco, profesor vinculado a moitas destas iniciativas, sinala a implicación da administración en acometer extraccións de madeira (claras) en determinadas masas forestais, un feito que permite analizar as especies e estudar os diferentes posibilidades de uso industrial. Neste tipo de estudos e proxectos participan habitualmente docentes e investigadores dos departamentos de Produción Vexetal, Enxeñaría Agraforestal e Edafoloxía e Química Agrícola, todos eles integrados na Escola Politécnica Superior.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.02.2011.