Pasar al contenido principal

Especialistas europeos e americanos analizarán na USC o cine español durante a II República

A Facultade de Ciencias da Comunicación acolle do 10 ao 12 de marzo o décimo terceiro congreso da Asociación Española de Historiadores do Cine

‘Aurora e melancolía. O cine español durante a II República (1931-1939)’ é o título do décimo terceiro congreso da Asociación Española de Historiadores do Cine (Aehc), que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago do 10 ao 12 de marzo vindeiros baixo o patrocinio da USC. As xornadas congregarán a especialistas chegados de toda España e doutros países como Francia, Holanda ou México, ata un máximo de 300 asistentes, segundo as previsións do comité organizador, dirixido pola catedrática da USC Margaria Ledo, mentres que a presidencia do congreso recae no director e produtor Eduardo Ducay. O prazo para a inscrición de asistentes está aberto ata o 7 de marzo, sendo a matrícula de balde para os alumnos procedentes das tres universidades galegas. Porén, o período de recepción dos textos pechouse o pasado 10 de xaneiro e está previsto que o vindeiro 28 de febreiro se coñeza o programa definitivo do congreso. Respecto á temática seleccionada para estas xornadas, o presidente da Asociación Española de Historiadores de Cine, Julio Pérez Perucha, sinala que “ o cine que se produce no período comprendido entre os anos 1931 e 1938 aparece como unha experiencia chea de fugaces singularidades”. Dáse, ademais, a circunstancia de que a celebración deste décimo terceiro congreso coincide coa conmemoración durante este ano do oitenta aniversario da II República, “polo que era de obrigado cumprimento que se sometera a consideración este período” explica o responsable da Aehc na web do congreso: http://www.estudosaudiovisuais.org/congreso-aehc. O programa inclúe, ademais dos relatorios e comunicacións presentadas, outras actividades paralelas, entre as que cabe salientar a concesión das Medallas de Ouro que cada ano concede a asociación de historiadores a destacadas personalidades do cine español.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2011.