Pasar al contenido principal

A Estación Científica do Courel ultima as próximas visitas e o primeiro curso de verán sobre o patrimonio da zona

A Estación Científica do Courel, inaugurada o pasado mes de xullo, está actualmente planificando unha serie de actividades que poderán realizarse a partir do mes de marzo, aínda que xa está dispoñible para a organización de cursos, tal e como sinala o seu director, Javier Guitián, quen pretende fomentar de xeito especial os cursos de verán.

Dende a propia Estación estase a elaborar unha proposta para o mes de setembro, que será un curso dedicado precisamente ao Patrimonio da Serra do Courel dende múltiples perspectivas. De cara á celebración desta actividade, a Estación Científica conta co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural Ancares- Courel. Interese no ámbito educativo Varios centros de educación secundaria teñen solicitado xa visitas a estas instalacións e a realización de actividades. Por outra banda, a dirección da Estación Científica da USC pensa na inclusión de visitas de alumnos de todos os centros secundaria a través do Programa A Ponte. No que se refire á educación superior levaranse a cabo visitas de distintos grupos que cursan estudos de grao e de estudantes de máster das universidades de Santiago e Vigo nos meses de maio e xuño, e por outra banda prevense estanzas de investigadores, que nalgúns casos xa se están a concretar. Áreas tan diversas como a botánica, a zooloxía, a edafoloxía, a produción vexetal, a xeografía ou a historia contemporánea pretenden desenvolver proxectos neste centro. A ECC Esta estación é o primeiro centro deste tipo que se crea no sur da provincia de Lugo, dirixida polo biólogo Javier Guitián, aspira a converterse nun dos centros de referencia en investigación e formación no ámbito do medio ambiente con especial incidencia no progreso social e económico da comarca do Courel, xa que permitirá valorizar o importante patrimonio natural da zona. As súas instalacións comezaron a construírse no ano 2009 en Seoane do Courel, en terreos cedidos polos veciños á USC, e contaron cun orzamento superior ao millón de euros, unha cantidade aportada entre a propia Universidade e as Consellarías de Industria de Medio Ambiente. Conta con 900 metros cadrados construídos nos que existe unha sala de conferencias con capacidade para 60 persoas, laboratorios de docencia e investigación, salas de estar e traballo, ademais dunha zona de residencia e cociña para investigadores. O principal obxectivo da estación é potenciar a cooperación entre os diferentes grupos de investigación ao estar concibida como un centro multidisciplinar que dará soporte aos proxectos máis diversos, ao tempo que posibilita unha mellor execución e maior rendibilidade científica das investigacións que se desenvolvan na zona. Punto de información ambiental A USC abrirá tamén, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, o punto de información ambiental que funcionará como un aula da natureza. Este servizo acollerá actividades de información, educación e sensibilización medioambiental, programas educativos para centros escolares, proxeccións audiovisuais ou exposicións temáticas, prestando especial atención ao uso dos recursos informáticos para explicar aos visitantes as características do patrimonio natural da zona.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.01.2011.