Unhas xornadas en Ciencias da Comunicación analizarán a necesidade dun xornalismo especializado e elaborado dende a perspectiva de xénero
As II Xornadas sobre Información e Xénero, que terán lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación do 21 ao 25 de marzo de 2011, analizarán a necesidade dun xornalismo especializado e elaborado dende a perspectiva de xénero, como mellor ferramenta para visibilizar o papel das mulleres na sociedade e loitar contra o sexismo e o androcentismo actuais dos medios de comunicación. No programa, que organiza o grupo CIDACOM, daranse cita especialistas en Comunicación e Xénero con docentes procedentes das máis diversas áreas disciplinarias, dende a política, a economía ou a xustiza social, ata a saúde, o medio ambiente, as novas tecnoloxías ou o deporte. Trátase dunha iniciativa formativa dirixida tanto ao alumnado como aos profesionais ligados coas Ciencias da Comunicación, así como para todas as persoas que desexen unha achega interdisciplinaria á perspectiva do xénero. A inscrición e matrícula xa se pode formalizar ata o próximo 10 de marzo. Ademais, o alumnado da USC poderá validar a súa asistencia ás xornadas por un crédito de libre configuración Obxectivos Concienciar, formar e especializar na aplicación transversal da perspectiva de xénero nos medios son os principais obxectivos destas xornadas. Nelas reflexionarase sobre a necesidade de incardinar a perspectiva de xénero de maneira transversal nos contidos dos medios de comunicación, nas súas máis diversas seccións e áreas. Achegaranse así mesmo instrumentos para a reflexión crítica sobre o traballo actual dos medios e estratexias para incardinar a perspectiva de xénero nos seus contidos. Como apuntan os responsables das xornadas, dende hai anos as teorías feministas e a perspectiva de xénero enchoupan todas as áreas do saber. Nesta dimensión, engaden “falta conectar cos medios este coñecemento especializado e fondamente comprometido coa loita pola igualdade”, xa que tal e como sinalan os investigadores “non é o mesmo informar en xeral sobre os datos do paro ou as taxas de ocupación que facelo tendo en conta a realidade diferenciada de mulleres e homes”. Para os promotores da iniciativa, a perspectiva de xénero “permite superar o gap entre o papel que na actualidade están a desempeñar as mulleres na sociedade e a presenza, aínda escasa e estereotipada que teñen nos medios de comunicación”. A aplicación da perspectiva de xénero na información, tal e como amosa o último informe internacional ‘Who makes the news?’ elaborado pola asociación WACC con datos correspondentes a 2009 a escala mundial, aínda é escasa, xa que só no 12 por cento das informacións teñen en conta esta estratexia, sinalan os investigadores.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web http://infoxenero.blogaliza.org.