Pasar al contenido principal

Nova edición dos cursos de Integración Europea e Dereito Privado e de Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas

A Área de Dereito Mercantil coa participación do Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC organizan unha nova edición dos cursos Jean Monnet de Integración Europea e Dereito Privado e de Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas. Malia a súa orientación orientación xurídica, estes cursos teñen unha clara vocación multidisciplinar estando abertos a estudantes de todas as titulacións da USC. O curso ‘Integración europea e dereito privado’, que alcanza este ano a súa oitava edición, celebrarase entre os días 17 e 24 de marzo no Salón de Actos da Facultade de Dereito. O seu programa centrarase na análise de cuestións relacionadas coa evolución do proceso de integración europea, o consumo, a publicidade ou a contratación a través de internet. As persoas interesadas xa poden matricularse ata o próximo 28 de febreiro. Baixo o lema ‘Goberno corporativo e responsabilidade social’ a sexta edición deste curso repasará as principais reformas no goberno das empresas en España, Europa e en Estados Unidos. O programa desta proposta formativa estenderase do 7 ao 15 de abril, tamén no Salón de Actos da Facultade de Dereito.

As distintas intervencións incluídas nos programas de ambos os dous cursos impartiranas especialistas xurídicos da USC así como doutras universidades como a de Valladolid, Complutense de Madrid, Alcalá de Henares ou Hamburgo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.usc.es/idpue ou dirixirse ao enderezo de correo electrónico elena.carrillo [at] usc.es (elena[dot]carrillo[at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.02.2011.