Máis de cen alumnos de bacharelato participan na Olimpíada Galega de Bioloxía que se celebra no campus compostelán
Cento seis estudantes de bacharelato de 33 institutos de Galicia enfróntanse este venres 14 ás probas da sexta Olimpíada Galega de Bioloxía, que se celebra na facultade do campus compostelán. Os aspirantes elixíronse en base ás cualificacións obtidas en Xeoloxía e Bioloxía no primeiro curso de bacharelato, con un máximo de catro alumnos por centro educativo. O exame consiste na resolución dun test teórico e unha proba práctica sobre contidos de ESO, centrados na base molecular e fisíco-química da vida. Na sexta edición compiten 54 estudantes da provincia da Coruña, 37 de Pontevedra, 8 de Lugo e 7 de Ourense. Os tres gañadores da fase galega representarán á comunidade autónoma na fase nacional, que este ano se celebrará no mes de abril en Granada. Ademais, cada unha das tres universidades galegas, que xunto ao Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e a Xunta de Galicia organizan o evento, concederá unha axuda de 300 euros aos gañadores por matricularse en calquera das súas facultades. A xornada deste venres servirá tamén de intercambio de experiencias e será unha oportunidade para coñecer de preto o ámbito de estudo e investigación da bioloxía. De feito, ao remate do exame, que ten lugar pola mañá, os participantes terán a oportunidade de visitar as instalacións da facultade e de escoitar as intervencións de profesores e especialistas que lles ensinarán a gran variedade de liñas de investigación e aplicacións que ten a bioloxía.